Inspeccións en VPP e VPA

A Inspección é a actividade que os órganos administrativos en materia de vivenda deben realizar coa finalidade de comprobar que as actuacións dos particulares se axustan á legalidade.

Información de interese

A actividade inspectora en materia de vivenda en Galicia está regulada por diversos textos normativos que establecen as obrigas das persoas propietarias e usuarias, así como as competencias da Administración para garantir o correcto uso, conservación e destino das vivendas. 

Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia

Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, regula tanto a protección das vivendas como as obrigas das persoas propietarias, arrendatarias e promotores, así como os procedementos de inspección, sanción e expropiación en caso de incumprimento. Aquí están os puntos máis importantes:

Inspección das vivendas
  • O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) pode inspeccionar vivendas protexidas para comprobar que se respecta a normativa.
  • Os inspectores poden entrar nas vivendas, sempre respectando a intimidade, para verificar o estado de conservación.
  • Tanto administracións como empresas (subministracións, inmobiliarias) deben facilitar información e datos se se lles requiren.
  • Os titulares de vivendas públicas deben permitir a entrada do persoal inspector respectando, en todo caso, o dereito á intimidade persoal e familiar e a inviolabilidade do domicilio das persoas interesadas.
Infraccións e sancións

A lei distingue tres tipos de infraccións:

Leves

Terán a consideración de infraccións leves:

a) A inexactitude dos documentos ou certificacións expedidos polos axentes da edificación durante o proceso construtivo, así como as omisións ou incorreccións relevantes en calquera dos datos ou documentos que deben figurar no libro do edificio, cando non deriven dunhas ou doutras prexuízos a terceiros.

b) Non notificarlle ao Instituto Galego da Vivenda e Solo as modificacións, non substanciais, dos datos incluídos na declaración responsable efectuada polas entidades de control de calidade da edificación (ECCE) ou polos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación (LECCE), no momento no que se produza o cambio.

c) O incumprimento do deber de entregar, as persoas compradoras ou arrendatarias da vivenda, a documentación exixible conforme esta lei.

d) O incumprimento das obrigas establecidas nesta lei para o depósito das fianzas correspondentes ao arrendamento de predios urbanos, trátese de arrendamentos de vivenda ou de arrendamentos para uso distinto do de vivenda.

e) Non visar, ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, os contratos de compravenda das segundas ou sucesivas transmisións de vivendas protexidas.

f) A omisión da realización das obras de reparación necesarias, nas vivendas cualificadas protexidas cedidas en réxime de arrendamento, para mantelas en condicións de salubridade e hixiene, conforme as normas aplicables na materia.

g) Non constituír en vivendas cualificadas protexidas xuntas administradoras ou comunidades de propietarios.

h) Non comunicarlle ao Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia os cambios esenciais ou determinantes para a adxudicación dunha vivenda protexida que se producisen nas circunstancias da unidade familiar ou convivencial durante o período de inscrición.

i) Non ocupar a vivenda protexida no prazo establecido regulamentariamente sen xusta causa declarada pola Administración.

j) A utilización en inmobles de vivendas de promoción pública dos elementos comunitarios para fins distintos dos concordantes coa súa natureza ou contravindo o disposto nos estatutos ou acordos adoptados pola comunidade de propietarios, aínda cando non se causen danos neles.

k) Nas vivendas de promoción pública, a falta de contratación dun seguro contra incendios, sen prexuízo da contratación dos demais seguros establecidos legalmente para todo tipo de vivendas.

l) O incumprimento de calquera obriga imposta por esta lei e que non teña a cualificación de infracción grave ou moi grave.

Graves

Terán a consideración de infraccións graves:

a) Non adecuar a vivenda, o edificio ou o complexo inmobiliario ás especificacións do proxecto, cando se trate de vivendas adquiridas en proxecto ou en construción e non concorran as circunstancias sinaladas no artigo 20 desta lei.

b) A inexactitude dos documentos ou certificacións expedidos polos axentes da edificación durante o proceso construtivo, así como as omisións ou as incorreccións en calquera dos datos ou documentos que deban figurar no libro do edificio, cando dunhas ou doutras deriven prexuízos a terceiros.

c) O incumprimento dos requisitos exixidos para proceder ao arrendamento da vivenda ou á súa venda en proxecto, en construción ou rematada.

d) O incumprimento das condicións legais establecidas para o pagamento de cantidades anticipadas a conta do prezo total da vivenda.

e) Non incluír no contrato de compravenda ou arrendamento de vivenda protexida as cláusulas do contido obrigatorio establecidas nesta lei ou nas súas normas de desenvolvemento.

f) O incumprimento da obriga de rexistrarse en calquera dos rexistros existentes, previstos nesta lei, referentes a axentes da edificación.

g) O incumprimento da obriga dos promotores de comunicarlle ao Rexistro de Promotores do Instituto Galego da Vivenda e Solo as sancións e resolucións xudiciais que adquirisen firmeza en materia de vivenda libre e protexida, contratación inmobiliaria e actividade urbanística, así como aquelas sentenzas firmes nas que resulten inhabilitados para participar na promoción de vivendas protexidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) O incumprimento dos deberes de elaboración, entrega e xestión do libro do edificio.

i) O incumprimento por parte dos laboratorios de ensaio para o control de calidade da edificación e das entidades de control de calidade da edificación das condicións e dos procedementos establecidos na normativa reguladora da súa actividade.

j) As accións ou omisións, por culpa ou neglixencia, dos axentes da construción durante o proceso construtivo de vivendas protexidas, ou a vulneración das normas de calidade vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia, cando desen lugar a vicios ou defectos graves que non afecten a seguridade da edificación.

k) A subministración, por parte das compañías de auga, gas, electricidade, telecomunicacións e doutros servizos comunitarios sen a existencia de licenza de primeira ocupación e, se é o caso, sen a resolución de cualificación definitiva de vivenda protexida.

l) A omisión das mencións obrigatorias na publicidade e información da oferta de vivenda establecidas no capítulo IV do título I desta lei, así como a achega de datos falsos ou a indución á confusión na publicidade dirixida á venda ou ao arrendamento de vivendas.

m) A obstrución das actividades de inspección previstas nesta lei.

n) Non visar, ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, os contratos de compravenda ou de arrendamento das vivendas protexidas na súa primeira transmisión.

ñ) O incumprimento dos deberes de uso, conservación ou aseguramento das vivendas protexidas e dos elementos comúns do edificio.

o) Non destinar a vivenda protexida a domicilio habitual e permanente, ou mantela deshabitada sen causa xustificada durante un prazo superior a seis meses.

p) A inadecuación entre o proxecto de execución de obra cualificado provisionalmente e a obra efectivamente realizada que non impida a obtención da cualificación definitiva, agás no caso de modificacións autorizadas previamente polo órgano competente.

q) O incumprimento por parte do promotor da obriga de formalizar a compravenda de vivendas protexidas en escritura pública ou da obriga de facer constar na escritura pública as prohibicións e limitacións á facultade de dispoñer das devanditas vivendas.

r) O incumprimento por parte dos promotores de vivendas protexidas da prohibición de impoñerlle á persoa compradora a esixencia da adquisición dun anexo non vinculado á vivenda ou dunha superficie do edificio que non estea suxeita a cualificación, así como da prohibición de impoñerlle á persoa compradora gastos tributarios que as disposicións legais lle atribúen á persoa vendedora.

s) O incumprimento polo promotor do procedemento establecido na normativa reguladora do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para a adxudicación de vivendas protexidas.

t) A utilización dunha vivenda protexida sen título legal habilitante.

u) A denuncia falsa de supostas infraccións tipificadas nesta lei ou na normativa reguladora de vivendas protexidas

v) A execución, en vivendas cualificadas protexidas, de obras que modifiquen o proxecto aprobado sen a previa autorización da administración competente en materia de vivenda, aínda que se axusten ás ordenanzas técnicas e normas construtivas que sexan aplicables durante o período de vixencia do réxime de protección.

w) Non desocupar a vivenda de promoción pública no prazo fixado no correspondente requirimento da Administración.

x) Nas vivendas de promoción pública, a realización polas persoas usuarias de actividades molestas ou contrarias ao preceptuado no ordenamento xurídico vixente, prohibidas nos estatutos ou que infrinxan os acordos adoptados pola comunidade de propietarios do edificio, así como causar danos ou deterioracións graves na vivenda ou no edificio, nas súas instalacións ou nos servizos complementarios.

Moi graves

Terán a consideración de infraccións moi graves:

a) A falsidade nas certificacións ou nos documentos expedidos polos axentes da edificación durante o proceso construtivo.

b) A falsidade das certificacións ou dos documentos presentados polos laboratorios de ensaio para o control de calidade da edificación ou polas entidades de control de calidade da edificación coa declaración responsable.

c) O incumprimento reiterado por parte dos laboratorios de ensaio para o control de calidade

da edificación e das entidades de control de calidade da edificación das condicións e dos procedementos establecidos na normativa reguladora da súa actividade. Entenderase que existe reiteración cando un laboratorio de ensaio para o control de calidade da edificación ou unha entidade de control de calidade da edificación fosen sancionados, nos catro anos anteriores, por unha infracción da mesma natureza en virtude de resolución xudicial ou administrativa firme.

d) A transmisión ou a cesión do uso da vivenda de nova construción sen a preceptiva licenza de primeira ocupación, agás nos supostos nos que se permita polo ordenamento xurídico.

e) A reiteración na achega de datos falsos, a reiteración na indución á confusión na publicidade dirixida á venda ou ao arrendamento de vivendas, así como a omisión reiterada na información da oferta de venda dos datos de contido obrigatorio previstos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento. Entenderase que existe reiteración cando unha persoa física ou xurídica fose sancionada, nos catro anos anteriores, por unha infracción da mesma natureza en virtude de resolución xudicial ou administrativa firme.

f) As accións ou omisións, por culpa ou neglixencia, dos axentes da construción durante o proceso construtivo de vivendas protexidas, ou a vulneración das normas de calidade vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia, cando desen lugar a vicios ou defectos graves que afecten a seguridade da edificación.

g) A venda das vivendas protexidas promovidas para alugueiro sen contar coa preceptiva autorización administrativa ou coa alteración das condicións fixadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

h) A falsidade nos feitos, documentos ou certificacións cometida para obter a cualificación provisional ou definitiva de vivenda protexida.

i) Non obter a cualificación definitiva de vivenda protexida por non se axustar a construción ao proxecto aprobado na cualificación provisional.

j) O destino da vivenda protexida a usos distintos ao residencial sen contar coa preceptiva autorización autonómica, así como o destino da vivenda protexida a usos distintos dos establecidos na resolución de cualificación definitiva.

k) O establecemento de prezos de venda e renda das vivendas protexidas superiores aos fixados pola Xunta de Galicia.

l) A percepción de sobreprezos, de primas ou de calquera outras cantidades, por calquera concepto, superiores ás máximas legalmente establecidas na transmisión ou no arrendamento de vivendas protexidas.

m) A falsidade de feitos, documentos ou certificacións achegadas á Administración para a adxudicación da vivenda protexida.

n) A utilización de máis dunha vivenda protexida sen contar coa correspondente autorización.

ñ) A transmisión das vivendas protexidas sen cumprir os requisitos establecidos na súa normativa reguladora.

o) A transmisión da vivenda protexida inter vivos, en segunda ou sucesivas transmisións, antes do transcurso dos prazos mínimos establecidos na súa normativa reguladora.

p) A falsidade dos datos exixidos para obter os préstamos, subvencións e axudas para a adquisición ou o arrendamento de vivendas protexidas, así como o destino dos préstamos, subvencións e axudas previstos na súa normativa reguladora a finalidades diferentes das determinantes ao seu outorgamento.

Multas
  • Leves: 300–3.000 €
  • Graves: 3.001–30.000 €
  • Moi graves: 30.001–600.000 €
  • As sancións poden reducirse ou condonarse parcialmente se se cumpre voluntariamente co requerido.
Medidas adicionais
  • Inhabilitación para promotores de vivendas protexidas en caso de infracción grave ou moi grave.
  • Devolución de axudas ou subvencións recibidas indebidamente.
  • En vivendas públicas, pode haber resolución do contrato ou expropiación.
  • Obriga de reposición de obras, indemnización por danos ou reintegro de cantidades percibidas indebidamente.
Prazo e execución
  • O prazo máximo para resolver un procedemento sancionador é de 12 meses desde a incoación.
  • Se non se cumpren as obrigas, a Administración pode aplicar multas coercitivas mensuais ata que se corrixa a infracción.
  • Os procedementos poden finalizar por acordo se o propietario acepta as actuacións propostas pola Administración.
Prescrición
  • Infraccións: leves 2 anos, graves 4 anos, moi graves 10 anos.
  • Sancións: leves 1 ano, graves 2 anos, moi graves 3 anos.
  • O prazo comeza desde o feito ou desde a resolución firme e pode interromperse se se inicia un procedemento sancionador.
Decreto de estrutura do IGVS

DECRETO 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Os organismos do IGVS con competencias en materia de inspección son o Servizo de Fianzas e Inspección, dos Servizos Centrais de Santiago de Compostela, e as Seccións de Inspección e Sancións das catro Áreas Provinciais. 

Segundo o DECRETO 143/2024 do 20 de mayo, correspóndellen ao Servizo de Fianzas e Inspección o exercicio das seguintes funcións:

a) A administración e xestión, directa ou mediante concertos, das fianzas que por lei deban ser obxecto de depósito no IGVS.

b) A proposta das actuacións inspectoras en materia de depósitos de fianzas.

c) A coordinación dos trámites que vaian realizar as diferentes unidades de servizos centrais e servizos periféricos nos diversos procedementos en relación con estas funcións.

d) A planificación, coordinación e, de ser o caso, a realización das inspeccións de ocu­pacións, usos e transmisións nas vivendas de promoción pública e locais propios do IGVS.

e) A inspección para verificar o cumprimento da normativa reguladora do uso e transmi­sión das vivendas protexidas.

f) A inspección relativa ao non pagamento de vivendas de promoción pública e coordinar coas áreas provinciais os expedientes de resolución de contratos e desafiuzamentos.

g) A xestión dos expedientes de execucións hipotecarias que se produzan por non pagamento nas vivendas.

Procedemento para a presentación de denuncias

O Instituto Galego da Vivenda e Solo manifesta o seu firme propósito de erradicar completamente o fraude na vivenda protexida. É un avance importante neste ámbito, o aumento dos esforzos para concienciar á cidadanía sobre a importancia da función social do parque de vivenda protexida e para detectar e sancionar o fraude, esforzos que teñen por obxecto, a medio prazo, a completa erradicación desta lacra.

A inspección para verificar o cumprimento da normativa no uso e transmisión das vivendas con protección pública ou libre de promoción privada; ou as relativas a impagos de morosos e propoñer o que proceda en relación coas denuncias efectuadas ou as inspeccións realizadas; en virtude do Decreto 134/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, quedou atribuída á Secretaría Xeral, a través do seu servizo de inspección.

A actuación dos inspectores segundo a Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións públicas, pode iniciarse:

  • De oficio

  • Iniciativa propia

  • Órgano competente

  • Orde superior

  • Solicitude razoada doutros órganos

     

Canle de presentación de denuncias

A solicitude de persoa interesada. Se vostede ten coñecemento de algún feito que poida constituír unha infracción en materia de vivenda e desexa comunicalo, dispón de diversas canles para presentar a súa denuncia e poñer estes feitos en coñecemento da Administración:

Sede electrónica

SEDE ELECTRÓNICA

Á sede electrónica da Xunta de Galicia pódese acceder mediante Chave365, certificado dixital ou DNI dixital.

Mediante a presentación en liña, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, co modelo de solicitude xenérica PR004A:

  • Procedemento: Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado.
  • Código do procedemento: PR004A.
Vía presencial

modelo_denuncia_.pdf

Para comunicar unha posible infracción en materia de vivenda, a persoa interesada debe cubrir o modelo que se achega máis arriba e presentalo no Rexistro do IGVS. A documentación pode entregarse presencialmente nas oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou a través de calquera dos medios admitidos pola normativa de procedemento administrativo. É importante achegar toda a información dispoñible para facilitar a valoración e tramitación da comunicación por parte da Administración.

 

Enderezos:

Santiago Servizos Centrais IGVS

Área Central s/n, Polígono de Fontiñas

15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)

Área Provincial do IGVS - A Coruña

Praza de Luis Seoane, s/n

15008 - A Coruña

Área Provincial do IGVS - Lugo

Avda. Ramón Ferreiro 28

27002 - Lugo

Área Provincial do IGVS - Ourense

Rúa Sáenz Díez, nº 1

32071 - Ourense

Área Provincial do IGVS - Pontevedra

Rúa Alcalde Hevia, nº 7

36071 - Pontevedra

Correo electrónico

A cidadanía ten á súa disposición diversos correos electrónicos do servizo de inspección do IGVS para trasladar as comunicacións relacionadas coa vivenda obxecto de denuncia. Para facilitar a xestión, deberá empregarse o correo correspondente á área xeográfica na que se atope o domicilio.

 

Correos electrónicos:

Santiago Servizos Centrais IGVS

inspeccion.igvs.santiago [at] xunta.gal

Área Provincial do IGVS - A Coruña

inspeccion.igvs.santiago [at] xunta.gal (inspeccionsesancions[dot]igvs[dot]coruna[at]xunta[dot]gal)

Área Provincial do IGVS - Lugo

inspeccion.igvs.santiago [at] xunta.gal (inspeccion)inspeccionsesancions.igvs.ourense [at] xunta.gal (esancions)inspeccion.igvs.santiago [at] xunta.gal ([dot]igvs[dot]lugo[at]xunta[dot]gal)

Área Provincial do IGVS - Ourense

inspeccionesancions.igvs.ourense [at] xunta.gal

Área Provincial do IGVS - Pontevedra

inspeccion.igvs.santiago [at] xunta.gal (inspeccion)fianzas.igvs.pontevedra [at] xunta.gal ([dot]igvs[dot]pontevedra[at]xunta[dot]gal)

 

Contacto telefónico

Para calquera consulta ou comunicación relacionada coa inspección en materia de vivenda, a cidadanía tamén ten á súa disposición atención vía telefónica, podendo contactar co IGVS a través dos números asignados a cada área territorial. 

 

Números de contacto:

Santiago Servizos Centrais IGVS

981-54.19.06 / 981-54.19.94 / 981-54.19.74

Área Provincial do IGVS - A Coruña

981-18.48.09 / 981-18.26.59 /  981-18.48.19

Área Provincial do IGVS - Lugo

982-29.46.30 / 982-29.46.25

Área Provincial do IGVS - Ourense

988-38.62.85 / 988-38.62.33

Área Provincial do IGVS - Pontevedra

986-80.56.18 / 886-20.69.53 / 986-80.56.60

 

 

 

Normativas relacionadas

Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

DECRETO 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Resolución do 11 de decembro de 2008, pola que se regula a tarxeta acreditativa do persoal de inspección da Conselleria de Vivenda e Planificación de infraestruturas.