Informe de avaliación de edificios

O informe de avaliación de edificios, IAE, é un instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, coas condicións de accesibilidade e informa sobre a certificación da eficiencia enerxética.

O informe de avaliación de edificios está directamente relacionado co deber establecido no artigo 135 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, das persoas propietarias de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións de conservalos nas condicións legais para servir de soporte aos usos a que están destinados e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Obriga que se concreta para as persoas propietarias e usuarias de vivendas no capítulo III do título I, “Do uso, do mantemento e da conservación das vivendas”, da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, ao establecer no artigo 12 a obriga de mantelas en bo estado de conservación, mantemento e seguridade. O deber de conservación vén definido pola xurisprudencia como un deber básico da persoa propietaria do solo, cuxo contido expresa unha manifestación da función social da propiedade. 

O IAE permite un coñecemento detallado sobre o estado de conservación dos edificios de uso residencial colectivo, as súas condicións de accesibilidade universal e a súa eficiencia enerxética, o cumprimento do deber de conservación dos edificios e a adopción das medidas necesarias para a conservación e rehabilitación do parque de edificios de vivendas e a rexeneración e renovación dos tecidos urbanos existentes, co fin de asegurar a súa seguridade, salubridade e accesibilidade de forma que non supoñan riscos para as persoas e os bens e garantir o dereito das persoas a habitar nunha vivenda digna. Este coñecemento facilita a realización de reparacións e rehabilitacións preventivas, antes de que se presenten problemas graves e custosos. 

Permitirá tamén coñecer as condicións do edificio referidas á accesibilidade e as súas dotacións en función das súas características e definiranse as medidas de adecuación para implantar no edificio, con criterios de flexibilidade, e o seu custo. 

As actuacións de rehabilitación e mellora que se leven a cabo poden beneficiarse das axudas de rehabilitación da Xunta, tanto en materia de conservación como de accesibilidade e de eficiencia enerxética. 

Así mesmo, a información derivada dos informes de avaliación de edificios inscritos no rexistro, servirá como un instrumento fundamental para orientar as políticas municipais e autonómicas no eido da rehabilitación.

Quenes están obrigados a presentar o IAE?

Están obrigados a elaborar e presentar o IAE no concello no que estea situado o inmoble, os propietarios de edificios de uso residencial vivenda colectiva, no prazo máximo dun ano dende que o edificio alcance os 50 anos ou a antigüidade que estableza o concello, de ser o caso.

Os concellos que así o consideren, poderán establecer un calendario para a presentación gradual dos IAE dos edificios que, e sempre que non supere os prazos seguintes:

- Ata 1 ano dende a entrada en vigor deste decreto, para os edificios catalogados. 
- Ata 3 anos dende a entrada en vigor deste decreto, para o resto dos edificios con máis de 50 anos.


Como elaborar o IAE

As persoas capacitadas para a elaboración do IAE deberán elaboralo, en base a unha inspección visual, cubrindo a ferramenta informática que o IGVS pon a súa disposición e da que se pode xerar o informe.

Rexistro de IAE

Para a súa xestión, os concellos terán a súa disposición unha aplicación informáticaque disporá dun módulo de explotación de datos para a xeración de informes e/ou listaxes e tamén incluirá un sistema de alertas relacionadas coas medidas de seguridade inmediatas ou actuacións necesarias, para o interese dos concellos.

Esta aplicación integrará unha ferramenta de consulta de datos públicos implementada mediante tecnoloxía de información xeográfica, que estará dispoñible, así mesmo, na páxina web do IGVS.

 

Rexistro de avaliación de edificios

O pasado 20 de abril publicouse no DOG o Decreto 61/2021, de 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o rexistro galego de informes de avaliación dos edificios, que entra en vigor o 20 de maio. O informe de avaliación é un documento que acredita o estado de conservación do edificio, avalía a súa accesibilidade universal e informa sobre a súa eficiencia enerxética.

De acordo con este decreto as comunidades de propietarios ou as persoas propietarias de edificios de uso residencial de vivenda colectiva cunha antigüidade de 50 anos, teñen un ano para presentar o informe de avaliación no concello correspondente.

O concello, mediante normativa municipal, poderá ampliar a obriga de realización de este informe a edificios de usos diferentes ao residencial ou edificios cunha antigüidade menor, así como establecer un contido maior do IAE. Ademais, como órgano competente, deberá realizar a inscrición dos informes presentados, no rexistro galego de informes de avaliación dos edificios.

O IGVS elaborou unha ferramenta informática, REGIAE, para que os concellos poidan inscribir no rexistro os informes presentados. Esta ferramenta disporá dun módulo de explotación de datos para a xeración de informes e/ou listaxes e tamén incluirá un sistema de alertas relacionadas coas medidas de seguridade inmediatas ou actuacións necesarias para o interese dos concellos.

Para que unha entidade local poda acceder a REGIAE (alta en REGIAE)  deberase cumprimentar e asinar o formulario de solictude que atopará en: https://eidolocal.dev.xunta.local/ficha-servicio?id=771e envialo por correo electrónico a: cau-periferico [at] xunta.gal (cau-periferico[at]xunta[dot]gal)

Na solicitude deberá indicar os datos dunha única persoa, que será administradora de REGIAE na entidade e que deberá dispoñer de usuario de acceso ao portal Eidolocal. A alta/baixa en REGIAE será confirmada á persoa administradora ao correo de contacto indicado na solicitude.

Esta persoa administradora poderá xestionar en REGIAE a alta e baixa do resto de usuarios/as da entidade local (outros administradores, perfís técnicos e/ou administrativos).

Normativas relacionadas

DECRETO 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios. LEI 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

Ligazóns relacionadas

Aplicación do Rexistro de IAE 

Informe de Avaliación de Edificios - Técnicos redactores

O informe de avaliación de edificios, IAE, é un instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, coas condicións de accesibilidade e informa sobre a certificación da eficiencia enerxética.

O pasado 20 de abril publicouse no DOG o Decreto 61/2021, de 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o rexistro galego de informes de avaliación dos edificios, que entra en vigor o 20 de maio. O informe de avaliación é un documento que acredita o estado de conservación do edificio, analiza as súas condicións de accesibilidade universal e informa sobre a súa eficiencia enerxética. 

De acordo con este decreto as comunidades de propietarios ou as persoas propietarias de edificios de uso residencial de vivenda colectiva cunha antigüidade de 50 anos ou máis dispoñen dun ano para presentar o informe de avaliación no concello, onde estea situado o seu edificio, para que se inscriba no rexistro galego de informes de avaliación, REGIAE.  

O concello, mediante normativa municipal, poderá estender a obriga da realización de este informe a edificios de outros usos ou edificios de antigüidade menor aos 50 anos; tamén poderán establecer un contido maior do IAE.  

Este informe deberá ser elaborado ou subscrito por persoal técnico competente, que estea en posesión de calquera das titulacións académicas e profesionais habilitantes para a redacción de proxectos, a dirección de obras ou a dirección de execución das obras de edificación de acordo co establecido na Lei 38/1999 de ordenación da edificación. 

Para a elaboración desde informe deberase utilizar a aplicación informática que se pon a disposición nesta páxina.

Documentos relacionados

Manual de usuario

Ligazóns relacionadas

Aplicación do IAE 

Normativas relacionadas

DECRETO 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios. LEI 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

Ligazóns relacionadas

Acceso aos datos do rexistro público de IAE