Vivenda de Promoción Pública (VPP)

Que se entende por VPP?
  • A vivenda protexida de promoción pública (VPP) é aquela que promove ou cualifica o Instituto Galego da Vivenda e Solo e que cumpre os requisitos regulamentarios, sendo adxudicada mediante procedemento regrado.

  • Só poden ser persoas adxudicatarias persoas físicas que cumpran os requisitos establecidos, e estas vivendas deberán destinarse exclusivamente a domicilio habitual e permanente, quedando prohibido o seu uso como segunda residencia ou para calquera outro distinto, agás nos supostos excepcionais previstos regulamentariamente para atender necesidades especiais.

Cales son as modalidades e formas de xestión das VPP?
  • A promoción pública pode realizarse mediante diversas fórmulas, entre as que destacan a construción directa de vivendas novas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a adquisición de vivendas novas ou en construción, a adquisición de vivendas para a súa rehabilitación, a recuperación de vivendas do patrimonio do IGVS, outras formas de adquisición, a cualificación de vivendas promovidas por outros promotores públicos e a promoción concertada con promotores públicos ou privados, que dá lugar ás vivendas de promoción pública concertadas.

  • As vivendas de promoción pública concertadas son aquelas promovidas por outros promotores públicos ou privados pero cualificadas como tales polo IGVS para atender a demanda existente en determinados concellos. Estas vivendas adxudícanse entre persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes e están sometidas ao mesmo réxime xurídico que as promovidas directamente polo IGVS.

  • En relación coa xestión con fins de inserción ou asistenciais, o IGVS pode colaborar con administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro para destinar vivendas a persoas con especiais necesidades sociais, así como para xestionar promocións mediante programas de acompañamento social, mediación veciñal e xestión económica das vivendas.

Cales son as formas de acceso ás VPP?
  • O acceso ás vivendas de promoción pública pode realizarse a través de distintos títulos xurídicos, como a compravenda, o arrendamento, o dereito de superficie, o acceso diferido á propiedade ou o arrendamento con opción de compra. A adxudicación réxese polos principios de obxectividade, transparencia, publicidade e concorrencia, quedando prohibido o subarrendamento ou a cesión do uso, agás nas excepcións previstas regulamentariamente. Excepcionalmente, as administracións públicas e as entidades sen ánimo de lucro poden adquirir estas vivendas por razóns de interese público ou social. Nas segundas transmisións será obrigatorio acreditar que a vivenda está totalmente pagada e que o contrato foi visado polo IGVS.

  • Por último, regúlase a copropiedade nas vivendas de promoción pública como unha fórmula para facilitar o acceso á vivenda. A participación da Administración non poderá superar o 40 % do custo da vivenda, correspondéndolle á persoa adxudicataria os gastos de conservación e mantemento. A persoa beneficiaria poderá adquirir en calquera momento a parte da Administración, manténdose o réxime de vivenda protexida mentres dure a copropiedade e someténdose a transmisión da cota ás mesmas limitacións que as vivendas de promoción pública.

Cal é a composición do parque público autonómico de vivendas e como se xestiona?
  • O parque público autonómico de vivendas está formado por vivendas e aloxamentos promovidos ou adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico, así como por vivendas protexidas construídas en solo público autonómico mediante dereito de superficie.

  • As persoas adxudicatarias de vivendas de promoción pública deberán cumprir os deberes de uso, conservación e mantemento, conforme á normativa aplicable, e estarán obrigadas a contratar un seguro mínimo contra incendios. Para facilitar a xestión dos edificios, o IGVS promoverá a constitución de comunidades de persoas propietarias ou xuntas administradoras, cuxa organización e funcionamento se determinarán regulamentariamente.

  • A contraprestación económica derivada da adxudicación destas vivendas ten a consideración de ingreso de dereito público, sendo esixible nos prazos fixados contractualmente. En caso de impago, a débeda poderá reclamarse con xuros e mediante o procedemento de constrinximento, sen prexuízo dos recursos que procedan. Excepcionalmente, o IGVS poderá conceder aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento cando exista unha situación transitoria de dificultade económica debidamente acreditada.

  • Por último, os locais e servizos complementarios situados en edificios de promoción pública poderán destinarse a usos de interese público ou comunitario, podendo cederse de forma gratuíta ou onerosa, especialmente a entidades de servizos sociais. Nos locais arrendados que requiran obras de acondicionamento, o IGVS poderá establecer un período de carencia no pagamento da renda de ata tres anos.

Promocións de VPP en execución

Convenio marco coas entidades financeiras para o financiamento de vivendas de promoción pública

Co obxecto de facilitar o acceso ao financiamento das actuacións de promoción pública de vivenda en Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) aprobou un convenio marco coa Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (Vipugal) e coas entidades financeiras que se adhiran a el. Este convenio establece as condicións xerais de colaboración para o financiamento da promoción, construción e adquisición de vivendas de promoción pública, contribuíndo ao desenvolvemento do parque público de vivenda e favorecendo o acceso da cidadanía a unha vivenda digna e adecuada. 

O convenio regula, por unha banda, o financiamento das promocións de vivendas de promoción pública impulsadas polo IGVS ou por Vipugal mediante préstamos hipotecarios destinados á súa construción e, por outra, a subrogación das persoas adxudicatarias nestes préstamos para facilitar a adquisición das vivendas. Así mesmo, establece as condicións mínimas dos préstamos, as obrigas das entidades financeiras e das entidades promotoras, a documentación necesaria, as garantías aplicables e os mecanismos de seguimento e coordinación entre as partes asinantes. 

As entidades financeiras interesadas en participar neste sistema de colaboración poderán solicitar a adhesión ao convenio mediante a presentación da correspondente solicitude ante o IGVS. Unha vez formalizada a súa adhesión, pasarán a formar parte da relación de entidades colaboradoras para o financiamento das actuacións previstas no convenio, nas condicións establecidas nel. Ata o momento, teñen formalizada a súa adhesión:

  • Abanca

  • Banco Sabadell

  • Caixa Rural Galega 

  • Banco Santander

Este instrumento de colaboración pretende reforzar a cooperación entre a Administración autonómica e o sector financeiro para impulsar a construción de vivenda pública, facilitar o acceso ao crédito das persoas adxudicatarias e contribuír ao cumprimento das políticas públicas de vivenda da Xunta de Galicia. 

Normativa relacionada

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2025 pola que se aproba o convenio marco coa Sociedade de Vivenda Pública de Galicia e as entidades financeiras para o financiamento da promoción, construción e compra de vivendas de promoción pública e pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes para a subscrición do dito convenio.

Normativa relacionada

Decreto 253/2007 do 13 de decembro, de réxime xurÍdico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e o SoloLei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de GaliciaLei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia (versión consolidada)RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2025 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de xaneiro de 2025 polo que se determinan os ingresos para acceder ás vivendas protexidaRESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2026 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de febreiro de 2026, polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de promoción pública, se determinan as zonas xeográficas para a fixación dos prezos das vivendas protexidas e se modifica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de xuño de 2024, polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisiónsRESOLUCIÓN do 6 de maio de 2026 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de maio de 2026, polo que se determinan os ingresos para acceder ás vivendas protexidas e se fixan os seus prezos máximos de venda e renda

Documentos relacionados

Ingresos ponderados para o acceso ás vivendas protexidas

Ligazóns relacionadas

VI409B - Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública. VI409C - Autorización de amortización anticipada total de vivenda protexida de promoción pública. VI409D - Autorización de amortización anticipada parcial de vivenda protexida de promoción pública.