Axudas destinadas a cidadáns e comunidades de propietarios

Rehabilitación edificatoria

AXUDAS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDAS E EDIFICIOS DE VIVENDAS

Este programa de axudas está previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, e ten por obxecto financiar actuacións de rehabilitación de edificios e/ou vivendas ao abeiro do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa para esta convocatoria:

  1. As persoas físicas, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.
  2. As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
  3. As agrupacións de persoas propietarias, ás cales lles será de aplicación o previsto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.
  4. As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

Requisitos das actuacións:

  • As actuacións subvencionables só poden realizarse en vivendas unifamiliares, en edificios de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios. Un edificio de tipoloxía residencial colectiva é o edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e onde cada vivenda conte coa correspondente referencia catastral.
  • Os edificios ou vivendas deben estar finalizados antes do 01/01/1996.
  • No caso de vivendas unifamiliares ou nas vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, estas deben constituír o domicilio habitual e permanente á data da solicitude, da persoa propietaria, ou, de ser o caso, da persoa inquilina ou moradora. Esta circunstancia acreditarase co correspondente certificado de empadroamento.
  • No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva:
    • Polo menos o 70% de superficie sobre rasante debe ter uso residencial (excluída planta baixa e inferiores).
    • Polo menos o 50% das vivendas do edificio deben constituír o domicilio habitual á data da solicitude, das persoas propietarias, ou, de ser o caso, das persoas inquilinas ou moradoras.

Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables para o fomento da conservación as seguintes actuacións:

  • As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalación.
  • As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluídos procesos de desamiantado.
  • As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

Consideraranse subvencionables, para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, as seguintes actuacións:

  • A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
  • A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
  • A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
  • A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
  • A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
  • Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do CTE no referido á vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
  • Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).


Contía das axudas

O límite máximo por porcentaxe da inversión correspondente á vivenda é:

  • 40% da inversión en cada vivenda.
  • 75% da inversión en cada vivenda, sempre que resulten acreditados ingresos na unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda e estes sexan inferiores a 3 veces o IPREM.
  • 75% da inversión en cada vivenda, se na vivenda reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos e se realicen actuacións para a mellora da accesibilidade.

A contía das axudas terá os seguintes importes unitarios por vivenda: 
 

LIÑA B CONSERVACIÓN
  • 3.000€ por vivenda + 30€ m2/local comercial
SEGURIDADE DE UTILIZACIÓN E ACCESIBILIDADE (OU ACTUACIÓNS CONXUNTAS CON CONSERVACIÓN)
  • Xeral: 8.000€ por vivenda + 80€ m2/local
  • Persoa con discapacidade: 14.000€
  • Discapacidade intelectual igual ou superior a 33% ou física a 65%: 17.000€

(*) Estas contías increméntanse en 1.000€ por vivenda e 10€ m2/local se o edificio é BIC.
(*) Se a persoa solicitante é menor de 35 anos e a vivenda está en concello de menos de 5000 habitantes, incrementaranse un 25% máis nas axudas unitarias.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de abril de 2021, salvo que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS

Axudas para a rehabilitación 

Normativas relacionadas

Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E). Resolución do 18 de outubro de 2019 pola que se modifica a resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E). Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (códigos de procedemento VI422E, VI408H, VI408N, VI422F e VI406A). 

Documentos relacionados

Cadro resumo sobre a axuda. 

Axudas para vivendas de promoción pública

Rehabilitación de vivenda pública en Galicia

Axudas ás comunidades de persoas propietarias para reparación, rehabilitación e/ou adaptación de edificios de vivendas de protección pública (código procedemento VI420A).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación. Dentro das súas funcións está a de garantir os dereitos a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Co ánimo de impulsar e seguir apoiando os esforzos que están a levar a cabo as comunidades de propietarios/as destas vivendas para a adecuación dos seus edificios aos requisitos de seguridade, habitabilidade, accesibilidade e funcionalidade e de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presidenta do citado organismo dita as resolucións polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e se abren convocatorias anuais

Quen pode solicitar esta axuda?

As comunidades de propietarios de edificios de vivendas de protección pública promovidas polo IGVS con mais de 10 anos de antigüidade e nos que o dito réxime extinguirase nos tres anos anteriores a data de finalización do prazo de presentación da solicitude de axuda previsto na convocatoria

Que actuacións se subvencionan?

As destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións poden estar iniciadas no momento da solicitude pero non poden estar finalizadas

Cal é o importe da axuda?

O 60% dos custes necesarios para a realización das obras subvencionables, dos honorarios facultativos e das taxas de licencia (IVE incluído) e ata un importe máximo resultante de multiplicar 6.000 euros polo número de vivendas do edificio.

Como se pode presentar a solicitude?

A través de SEDE electrónica da xunta (procedemento VI420A), xuntando cos Anexos a documentación correspondente.

Documentación que se debe aportar coa solicitude:

- Certificado do secretario da comunidade no que conste o acordo das obras a realizar e o nomeamento da persoa representante

- Memoria descritiva das actuacións

- Orzamento das obras que se van a realizar, os custes de honorarios e de autorizacións ou licenzas administrativas.

- Fotografías das zonas a reparar

Convocatoria 2024:

Resolución do 18 de marzo de 2024, pola que se establecen as bases e se abre a convocatoria deste ano.

A data de Publicación no DOG núm 64 o 2/04/2024

O prazo de presentación esta aberto dende o 03/04/24 ata o 2/07/2024

Procedemento: VI420A

Normativas relacionadas

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento VI420A).