Escoitar
Asesoramento e orentación xurídica en materia de vivenda
Servizo de asesoramento e orientación xurídica en materia de vivenda
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), colabora co Consello da Avogacía Galega para prestar un servizo gratuíto de asesoramento e orientación xurídica en materia de vivenda, co obxectivo de facilitar á cidadanía información especializada sobre os seus dereitos e obrigas e orientala ante determinadas situacións relacionadas coa vivenda.
Este servizo ten como finalidade ofrecer información e orientación xurídica ás persoas que precisen asesoramento en materias relacionadas coa perda da vivenda habitual ou coa ocupación non consentida de inmobles, complementando os programas e actuacións que desenvolve a Xunta de Galicia neste ámbito. En ningún caso substitúe os servizos propios da asistencia xurídica gratuíta nin da quenda de oficio.
O servizo ofrece asesoramento e orientación nas seguintes materias
-
Aspectos relacionados cos trámites de carácter administrativo e xudicial relativos aos dereitos e obrigas das persoas que se atopen en situación de desamparo ou en risco de perder a súa vivenda habitual e permanente como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria, do impago da renda de alugueiro ou de calquera outra circunstancia imprevista ou sobrevida.
-
Información sobre o Programa de atención ás persoas en risco de desafiuzamento da Xunta de Galicia e sobre os recursos e programas públicos existentes en materia de acceso á vivenda aos que, de ser o caso, poidan acollerse.
-
Asesoramento e orientación ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias que se vexan afectadas pola ocupación non consentida das súas vivendas, ofrecéndolles información sobre as actuacións legais e administrativas que poden levar a cabo nestas situacións.
Como acceder ao servizo
As consultas poden realizarse a través das seguintes canles:
-
Formulario web, mediante o que a consulta será atendida polo letrado ou letrada de garda nun prazo aproximado de entre 24 e 48 horas.
-
Teléfono gratuíto 900 121 221, dispoñible de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.
Vixencia
O servizo préstase ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Consello da Avogacía Galega, que permanecerá vixente ata o 31 de xullo de 2028.
O 29.12.2023 publicouse a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG, Núm. 246), que no seu artigo 9 introduce unha modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia e engade unha nova disposición adicional vixesimoterceira á Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixesimoterceira. Competencia para a emisión dos documentos acreditativos da concorrencia da vulnerabilidade económica previstos nos artigos 439, 655 bis e 685 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.
Corresponde aos concellos a competencia para a emisión dos documentos acreditativos da concorrencia ou non da vulnerabilidade económica previstos nos artigos 439, 655 bis e 685 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil».
Documentos relacionados