Áreas Rexurbe

A área de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe) é unha nova figura creada pola Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

De acordo co establecido na citada lei, unha área de intervención no medio urbano é un conxunto edificatorio urbano ou rural, continuo ou descontinuo, que precise dun apoio público para atender á rehabilitación ou á substitución dos edificios e mais á calidade ambiental e urbanística do ámbito.

A intervención nestas áreas poderá comprender actuacións de renovación e mellora da urbanización, dos espazos públicos e das demais dotacións urbanísticas ou das infraestruturas e dos servizos urbanos, así como articular medidas sociais, ambientais e económicas que estean enmarcadas nunha estratexia administrativa global, integrada e unitaria.

As áreas Rexurbe son áreas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características precisan dunha maior implicación da administración autonómica e local para dinamizar e revitalizar o seu ámbito.

 

Declaración de áreas Rexurbe
Requisitos

Poderán solicitar a declaración de áreas Rexurbe os concellos que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Que teñan no seu termo municipal un conxunto histórico declarado ben de interese cultural.

  2. Que o conxunto histórico se atope na seguinte situación:

    • Un proceso de degradación arquitectónica, urbanística ou ambiental, motivada, entre outros factores, pola obsolescencia do parque edificado, pola inadecuación ás necesidades poboacionais, polos déficits notorios e xeneralizados na calidade das vivendas, polos equipamentos, as dotacións e os servizos públicos do ámbito, pola degradación ambiental da zona e pola falta de conservación de bens e conxuntos edificatorios suxeitos a calquera réxime de protección do patrimonio cultural.

    • Situacións demográficas delicadas, derivadas dunha perda substancial ou dun envellecemento xeneralizado da poboación, ou por un crecemento excesivo non asumible urbanísticamente.

    • Existencia de graves problemas económicos e sociais, desaceleración constante da taxa de actividade económica e porcentaxes significativas de poboación que perciba pensións asistenciais ou non contributivas ou en risco de exclusión social.

    O ámbito territorial de actuación poderá ser continuo ou descontinuo. En todo caso, o ámbito incluirá un mínimo de cincuenta inmobles con necesidades de intervención.

    Sen prexuízo do anterior, poderá ser declarada área Rexurbe unha zona concreta especificamente delimitada e continua, comprendida nun ben de interese cultural e incluída previamente nunha área de rehabilitación integral, cando unicamente nesta zona concorran as circunstancias sinaladas anteriormente, agás a exixencia dun mínimo de cincuenta inmobles con necesidades de intervención, e as súas dimensións espaciais e económicas sexan especialmente significativas en relación co conxunto, mantendo o resto do ámbito a súa declaración orixinaria.

    Excepcional e motivadamente, poderanse declarar áreas Rexurbe outros ámbitos urbanos que, sen ter a consideración de ben de interese cultural, se atopen especialmente obsoletos e degradados nas condicións sinaladas anteriormente, agás a exixencia dun mínimo de cincuenta inmobles con necesidades de intervención, e que polas súas características, a especial incidencia no ámbito urbano e a necesidade urxente de actuación así sexa acordado polo Consello da Xunta de Galicia.

Procedemento de declaración

A solicitude de declaración dunha área Rexurbe presentarase por parte do concello ante o IGVS cunha proposta que delimitará o ámbito e comprenderá, de maneira desglosada, a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica que se pretende levar a cabo para acadar a efectiva recuperación e dinamización do ámbito.

Antes de presentar a solicitude o concello deberá contactar coa Dirección Xeral do IGVS para realizar unha avaliación previa e facilitarlle unha ficha na que se recollerán os factores necesarios para poder presentar a citada proposta.

A declaración do ámbito como área Rexurbe corresponderá ao Consello da Xunta, por proposta da consellería con competencias en materia de vivenda e previos informes sectoriais oportunos.

Esta declaración publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Efectos da declaración

Conforme ao establecido no artigo 55.3 da Lei 1/2019, do 22 de abril, a declaración de área Rexurbe permitirá que dentro do ámbito da área se poida optar ás medidas e aos instrumentos de financiamento previstos nesta lei e na normativa de desenvolvemento especificamente para as áreas de rexeneración urbana de interese autonómico.

Trala declaración da área Rexurbe, o concello deberá elaborar o proxecto do plan de dinamización de acordo cos obxectivos, criterios básicos da intervención, proposta das medidas que deberán adoptarse e avaliación económica das actuacións públicas e privadas que se prevexan na declaración, indicando o organismo ou organismos encargados do seu financiamento.

Ademais, o concello deberá contar cun centro de rexeneración urbana de interese autonómico.

Áreas Rexurbe declaradas

O Consello da Xunta de Galicia declarou áreas de rexeneración urbana de interese autonómico nos seguintes concellos:

Plans de dinamización
Obxecto

O plan de dinamización é un instrumento de planificación que, no marco dunha área Rexurbe, formulará un programa plurianual referido á totalidade do ámbito ou a algunhas das súas áreas, no que se integran actuacións a nivel arquitectónico dirixidas a fomentaren políticas de rehabilitación de edificios e vivendas e a mellora do espazo público con outras a nivel económico e social. 

O seu obxecto é coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e á rexeneración destes ámbitos, co impulso da recuperación da actividade económica, o fomento da mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes, a procura de atraer novos habitantes e mais a garantía da conservación dos valores patrimoniais do conxunto e dos seus elementos singulares. 

Contido

Os plan de dinamización conterá, cando menos, as seguintes determinacións:

  1. A delimitación do ámbito obxecto da actuación, que poderá ser continuo ou descontinuo, de acordo co establecido na declaración da área.

  2. A descrición dos obxectivos que se perseguen coa formulación do plan.

  3. A análise do ámbito de actuación e a diagnose dos problemas existentes que obstaculicen ou impidan a súa rexeneración, que debe abarcar, como mínimo, os seguintes aspectos:

    • O estudo da edificación existente.

    • O estudo das dotacións e dos equipamentos.

    • O estudo dos espazos libres, de carácter público e privado.

    • A análise da poboación residente.

    • A análise das actividades económicas.

    • O estudo do comercio de proximidade.

  4. A proposta de intervención.

  5. A memoria de viabilidade económica.

  6. A análise da eventual eficacia das medidas propostas.

  7. O programa de seguimento e de avaliación anual das actuacións.

  8. Os mecanismos para fomentar a participación social da poboación e das súas entidades representativas.

Tramitación

A tramitación do plan de dinamización axustarase ao seguinte procedemento:

  1. O concello elaborará o proxecto do plan de dinamización.

  2. O concello remitirá ao IGVS o proxecto do plan de dinamización formulado para que este organismo emita un informe preceptivo e vinculante sobre el no prazo de tres meses.

  3. A aprobación do plan de dinamización corresponderá a o concello e deberá publicarse no boletín oficial da provincia e na páxina web do concello.

Centro Rexurbe

O centro de rexeneración urbana de interese autonómico (centro Rexurbe) é un punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área. 

En cada concello deberá existir, adscrito á Administración municipal, un único centro Rexurbe, que exercerá as súas funcións na totalidade dos ámbitos do municipio con áreas Rexurbe declaradas ou que se declaren.

A súa creación corresponderá ao concello.

Mediante convenio entre o concello e o IGVS precisarase os obxectivos, o financiamento e funcionamento destes centros, así como os mecanismos de actuación conxunta e coordinada para facilitar o cumprimento e a execución das diferentes actuacións, dos plans e dos programas en materia de rehabilitación edificatoria e de rexeneración e renovación urbanas. 

O IGVS financiará estes centros con ata o 60% dos gastos do seu persoal. Así mesmo, achegará unha cantidade igual, como máximo, do 10% da cantidade antes indicada, en concepto de financiamento de gastos correntes.