Belén do Campo traslada o apoio da Xunta á recentemente constituída Asociación de Veciños de Xuxán
A delegada do Goberno autonómico informou do importante esforzo que se está a realizar en materia de construción de vivenda neste barrio, un ámbito prioritario dentro das políticas autonómicas
- Compartir
A Coruña, 1 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión cos representantes da recén constituída Asociación de Veciños de Xuxán, co obxectivo de establecer unha primeira toma de contacto, coñecer as súas demandas e abordar os principais proxectos e servizos que afectan ao barrio, no que xa viven 500 familias, de cara ao presente e ao futuro.
Durante o encontro, Belén do Campo informou do importante esforzo que a Xunta está a realizar en materia de construción de vivenda neste barrio, un ámbito prioritario dentro das políticas autonómicas para facilitar o acceso a un fogar e consolidar o desenvolvemento de Xuxán como espazo residencial na cidade. A Xunta está a construír 104 novos fogares e ten en previsión outras 500 vivendas protexidas á espera da aprobación da modificación do PXOM por parte do Concello.
A representante do Goberno galego trasladou o apoio da Xunta ás iniciativas que a nova entidade veciñal leve a cabo, destacando o valor do asociacionismo como ferramenta clave para fortalecer a convivencia, a participación cidadá e a dinamización comunitaria nos barrios.
Neste sentido, Belén do Campo tamén informou da orde de axudas que cada ano activa o Goberno galego, dirixida a financiar a mellora dos locais sociais e do equipamento das asociacións veciñais, co fin de apoiar o seu funcionamento e facilitar que estes espazos estean mellor dotados para desenvolver actividades de interese xeral.
A delegada animou á entidade a estar pendente da apertura desta convocatoria anual, subliñando que se trata dunha liña de apoio consolidada e orientada a reforzar o tecido veciñal, favorecendo a renovación e adquisición de material, mobiliario e equipamentos que melloren a calidade dos seus servizos á comunidade.