A Xunta publica no DOG a nova convocatoria de axudas do programa ‘Fogar Vivo’, cunha dotación de 2,8M€ para mobilizar vivendas en alugueiro accesible
Os propietarios interesados en mellorar unha vivenda para alugala, poden presentar as solicitudes dende o luns 9 de marzo ata o próximo 3 de xuño
Subliñou que esta convocatoria triplica os fondos, dada a acollida da primeira edición activada no pasado xullo, na que a Xunta concedeu 239 axudas por preto de 1,3M€
Os beneficiarios poderán recibir ata 16.000€ de axuda para a adecuación da vivenda, incluíndo dotación para seguros de impago e multirrisco do fogar
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria das axudas do programa ‘Fogar Vivo’, cunha dotación de 2,8M€ para mobilizar vivendas en alugueiro accesible. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe no barrio compostelán de San Pedro unha vivenda cuxa propietaria está a contar cunha destas achegas para acometer a reforma do inmoble e logo poder alugalo.
Allegue agradeceu á propietaria poder coñecer a rehabilitación que está a levar a cabo no seu piso en Santiago de Compostela, tras recibir unha axuda por importe de 11.000€. O acondicionamento neste fogar inclúe a instalación de fontanería e electricidade, a renovación da cociña, a ampliación do baño ou o cambio de chan.
Subliñou que dada a acollida da primeira convocatoria, na que a Xunta concedeu 239 axudas por un importe de preto de 1,3M€, nesta nova edición triplica os fondos, co obxectivo de seguir contribuíndo a reforzar o mercado de alugueiro.
Dende o luns 9 de marzo ata o 3 de xuño, os interesados en pedir estas achegas poderán presentar a súa solicitude.
Cómpre lembrar que a contía máxima destas subvencións será de ata 16.000€ por vivenda, dos que ata 11.000€ irán dirixidos á rehabilitación; e 2.000€ adicionais para obras cando os inquilinos da vivenda non superen os 36 anos ou sexan familias con fillos menores a cargo ou con persoas dependentes.
Ademais o programa contempla axudas de ata 3.000€ para sufragar os seguros de impagos e de danos no fogar durante os 5 primeiros anos do contrato, un incentivo para reforzar a seguridade dos propietarios e animalos a ofertar vivendas en alugueiro.
A conselleira recordou que a Xunta activou en xullo do ano pasado este programa para destinar o maior número de vivendas baleiras ao alugueiro accesible. Con estas axudas, os propietarios poden acometer melloras na vivenda, incluíndo a renovación de electrodomésticos ou sanitarios, acondicionando inmobles que en moitos casos, levaban tempo sen uso, para alugalos.
Tamén salientou que para que o dono do inmoble teña maior flexibilidade para executar as actuacións, a Xunta poderá realizar pagamentos anticipados, ata nun 80%, aboando o 20% restante coa xustificación final da obra.
Enmarcou esta medida na folla de ruta que está a levar a cabo a Xunta para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda: construíndo vivenda pública, rehabilitando ou desenvolvendo solo residencial.