A Xunta estima que o desenvolvemento do PIA de Lavadores, en Vigo, suporá un investimento público e privado de máis de 370 M€

Allegue destacou que ao investimento previsto pola Xunta para a urbanización do ámbito, de 22M€, súmase unha estimación de investimento inducido que acadaría os  350M€

A conselleira subliña que a aprobación inicial do PIA supón “o inicio dun novo barrio na cidade, unha zona cómoda, moderna, verde e próxima” que contará con 2.000 vivendas protexidas e reserva espazo para equipamento público, zonas verdes e usos comerciais

Trala publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da aprobación inicial, ábrese un prazo de información pública durante quince días e prevese a aprobación definitiva do PIA no último trimestre deste ano

A Xunta prevé licitar e iniciar a urbanización no segundo semestre do vindeiro 2027 e no 2028 estará xa en obras a urbanización e sacaranse a concurso as parcelas

Vigo, 26 de febreiro de 2026

O Proxecto de Interese Autonómico (PIA) na parroquia de Lavadores, en Vigo,  suporá un investimento público e privado de 372M€. Segundo explicou M. Allegue, aos 22M€ que a Xunta investirá no desenvolvemento e urbanización do ámbito, hai que sumar o investimento inducido de 350M€ por parte de promotores e cooperativistas para a construción das 2.000 vivendas protexidas previstas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presentou hoxe este proxecto que permitirá o crecemento da cidade cara ao sur, e suporá “unha nova zona na cidade olívica cómoda, moderna, verde e próxima”.

“Este é o inicio dun novo barrio da cidade -indicou Allegue-. Con novos fogares, ben comunicado, con espazos verdes, zonas de lecer, servizos, un barrio con 2.000 novas vivendas e servizos”. A conselleira enmarcou esta actuación no compromiso da Xunta en materia de vivenda, “cunha folla de ruta, con orzamentos, con 100M€ este 2026 nos orzamentos de Vigo”.

Conformidade do Concello

Allegue detallou os pasos levados a cabo pola Xunta para desenvolver este PIA ata acadar xa a súa aprobación inicial e destacou a conformidade do Concello co ámbito delimitado, recibida xa en xuño do pasado ano.   

Características das vivendas

O ámbito coñecido como do Ofimático conta cunha superficie de 210.814m2 e as 2.000 novas vivendas colectivas, todas protexidas integraranse en bloques residenciais abertos e pechados, con alturas de entre 4 e 7 plantas, agás un número reducido de bloques, (en concreto, 3)  de baixo e 12 plantas, que se situarán a carón da avenida de Madrid.

Ademais, resérvase espazo para vivenda unifamiliar illada, pareada ou en ringleira, para facilitar os realoxamentos das persoas afectadas polas expropiacións,

Así mesmo, contémplanse usos terciarios. Neste senso, a superficie edificable comercial é de 26.971m2. Ademais da habilitación de locais comerciais en planta baixa, prevese un área comercial específica no suroeste do ámbito. “Novos negocios que serán novas oportunidades, xerando novos postos de traballo”, apuntou Allegue. E a reserva de solo para dotación de equipamentos públicos ten unha superficie de 32.957m2, onde se prevé, entre outros,  unha futura residencia xuvenil.

O proxecto contempla 70.112m2 de zonas verdes e espazos libres, cunha estimación de 2.200 novas árbores, e zonas para prazas de aparcamento, con 2.700 prazas, das que 550 serán públicas.

Allegue destacou que o PIA deseña unha rede viaria perfectamente estruturada, optimizada e interconectada coas infraestruturas xerais existentes, e a urbanización permitirá dotar ao ámbito de todos os servizos: saneamento, abastecemento, pluviais, redes de iluminación, de gas e de telecomunicacións.

Prazos

Tras a aprobación inicial do PIA o pasado luns no Consello da Xunta e da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de 15 días para a presentación de alegacións.

Allegue subliñou que “estamos xa a recadar os informes sectoriais necesarios con carácter de urxencia”, de xeito que deberán ser emitidos en mes e medio, e a previsión é que o PIA conte coa aprobación definitiva no último trimestre deste ano. A empresa adxudicataria, OTIMA, será a encargada da tramitación do expediente de adquisición de solo e a Xunta prevé licitar a urbanización no segundo semestre do vindeiro 2027.

No 2028 estará xa en obras a urbanización e sacaranse a concurso as parcelas para que promotores e cooperativistas constrúan os novos fogares, protexidos.

Todas as vivendas, sexan de promoción públicas ou privadas, terán cualificación protexida permanente, tanto as destinadas á venda como a alugueiro.

Vivenda en Vigo

Ademais do Ofimático, a Xunta ten en marcha outro Proxecto de Interese Autonómico (PIA) en Vigo, no ámbito de Ramón Nieto, para desenvolver solo onde se prevén outras 1.300 vivendas.

E, ademais de desenvolver solo, na cidade olívica é onde a Administración autonómica está a construír máis vivenda pública, no barrio de Navia. Xa están en obras 10 promocións e tamén está en obras a urbanización do Polígono 2.