A conselleira Allegue anuncia a construción de 63 novas vivendas públicas na avenida de Uruguai, en Pontevedra
Allegue indicou que dende a Xunta agardan que o Estado non poña impedimentos na segregación das parcelas
Destacou a decisión estratéxica de aproveitar espazos como este parque de maquinaria da Axencia Galega de Infraestruturas, cuxa titularidade comparte a Xunta co Ministerio de Transportes, e destinalo á construción de vivenda pública
Sinalou que a Xunta prevé habilitar vivendas nesta parcela, xa que o planeamento así o permite, ao ter o terreo cualificación para residencial colectivo
Detallou que a Xunta xa remitiu á Demarcación de Estradas de Galicia o informe topográfico dos terreos, polo que pide ao Ministerio de Transportes axilidade nos trámites
Recordou que a Xunta está construíndo vivenda pública en Valdecorvos e tamén se está traballando nas parcelas cedidas polo Concello, tanto en Valdecorvos como en Tafisa e As Devesas
Pontevedra, 24 de febreiro de 2026
A conselleira Allegue anuncia a construción de 63 novas vivendas públicas na avenida de Uruguai, en Pontevedra. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, desprazouse hoxe ata estes terreos onde informou sobre esta nova actuación
Allegue indicou que dende a Xunta agardan que o Estado non poña impedimentos na segregación das parcelas, pois trátase dunha oportunidade para acadar máis solo para habilitar máis vivenda pública.
O espazo no que se prevé construír vivenda correspóndese co parque de maquinaria da Axencia Galega de Infraestruturas, cuxa titularidade comparte a Xunta (75%) co Ministerio de Transportes (25%).
Lembrou que estas instalacións eran orixinariamente de titularidade estatal ata que no 1982 se transferiron as competencias autonómicas en infraestruturas. Actualmente atópanse parte dos vehículos e maquinaria da AXI, pero a Xunta pode trasladalos.
Neste sentido, indicou que a Xunta prevé desenvolver vivenda de promoción pública nesta parcela, xa que o planeamento así o permite, ao ter o terreo cualificación para residencial colectivo.
Precisou que xa se realizou o levantamento topográfico e se segregarían 3 parcelas, a relativa á Xunta, ao Estado e a que se cedería ao Concello de Pontevedra.
Apuntou que o Goberno galego xa remitiu á Demarcación de Estradas en Galicia, dependente do Ministerio de Transportes, o informe topográfico da parcela para seguir avanzando nos trámites.
Salientou que se trata dunha decisión estratéxica para seguir sumando vivenda pública en Pontevedra, onde a Xunta xa ten 74 fogares en marcha que serán entregados este ano. Engadiu que se está construíndo en Valdecorvos e tamén se está traballando nas parcelas cedidas polo Concello tanto en Valdecorvos como en Tafisa e As Devesas.