Allegue destaca que a Xunta está a investir 40M€ nas estradas da costa norte e impulsa a variante de Viveiro para mellorar a mobilidade e a seguridade na área
A conselleira sinalou a mellora da AC-862, cunha 1ª fase entre San Sadurniño e O Campo do Hospital xa rematada cun orzamento de 7M€; e unha 2ª ata Ponte Mera, con 7,5M€
Avanzou que a Xunta rematará este ano o acondicionamento do treito Viveiro-Ourol da LU-540, que comunica Viveiro con Cabreiros, en Xermade, cun investimento de 8,2M€
Apuntou que o Goberno galego tamén está a traballar no proxecto do segundo treito, de Ourol a Cabreiros, cun orzamento previsto de 6,8M€
Destacou que a variante Leste de Viveiro xa está en marcha e en pouco tempo se disporá do proxecto construtivo para comezar as obras nesta lexislatura, mobilizando 37,6M€
Puxo en valor a variante como solución funcional e respectuosa que dá resposta a unha demanda histórica de Viveiro, ao desviar do casco urbano o 60% do tráfico
Criticou que o Goberno central comprometeu a Autovía da Mariña, a A-74, pero “non ten ningún quilómetro do trazado en servizo e non hai previsión de prazos para a execución”
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
A conselleira Allegue destacou que a Xunta está a mobilizar un investimento de 40M€ na rede de estradas da costa norte de Galicia e impulsando a variante de Viveiro para mellorar a mobilidade e a seguridade nesta área. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas detallou no Parlamento a aposta do Goberno galego polas infraestruturas desta contorna.
Lembrou que seguindo os acordos adoptados cos alcaldes de Ferrolterra, Ortegal e da Mariña, a Xunta está a executar unha ambiciosa estratexia de mellora integral de infraestruturas na zona.
Referiuse á mellora a capacidade e seguridade viaria da AC-862 (Ferrol-O Vicedo), cunha 1ª fase xa rematada, que conecta San Sadurniño e O Campo do Hospital, en Cedeira, e cun orzamento de 7M€. Engadiu a 2ª fase da reforma, entre o Campo do Hospital, en Cedeira, e Ponte Mera en Ortigueira, á que se destinaron 7,5M€.
Tamén destacou a mellora da estrada Valdoviño-Cedeira, a AC-566, de Valdoviño a Cedeira, rematada en 2022 cun investimento de 5,2M€.
Recordou que a Xunta tamén está a avanzar nas obras de mellora do treito Viveiro-Ourol da LU-540, que comunica Viveiro con Cabreiros, en Xermade. Precisou que esta intervención estará rematada este ano, tras o investimento de 8,2M€.
Apuntou que tamén se está a traballar no proxecto do segundo treito, de Ourol a Cabreiros, cun orzamento previsto de 6,8M€.
Neste sentido, remarcou un orzamento de 15M€ só para a LU-540, co fin de acadar unha mellor comunicación entre Viveiro e a capital luguesa.
Variante de Viveiro
A conselleira Allegue tamén fixo fincapé no desbloqueo da variante de Viveiro por parte da Xunta. Lembrou que esta actuación se estrutura en dúas partes, a Oeste, para aliviar o tráfico que entra pola costa; e a Leste, a auténtica columna vertebral da alta capacidade na ría, conectando con Celeiro e coa futura A-74.
Destacou que a variante Leste de Viveiro xa está en marcha, pois en moi pouco tempo se disporá do proxecto construtivo para comezar as obras nesta lexislatura. Subliñou que esta intervención contará cun investimento de 37,6M€.
Puxo en valor esta solución viable, funcional e respectuosa que dá resposta a unha demanda histórica de Viveiro, ao absorber os desprazamentos de longo percorrido, a circulación cara ao porto de Celeiro, e parte do tránsito local. A actuación permitirá desviar fóra do casco urbano o 60% do tráfico, especialmente os vehículos pesados.
Lamentou que o Goberno central non amose o mesmo compromiso coas infraestruturas estatais, xa que comprometeu a Autovía da Mariña, a A-74, para unir o tramo executado pola Xunta, Barreiros e San Cibrao e conectar coa A-8. Non obstante, criticou que “a autovía non ten ningún quilómetro do trazado en servizo e non hai previsión de prazos para a execución”.