A Xunta dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico de San Mauro, en Pontevedra, coa previsión de urbanizar solo para máis de 2.000 vivendas

O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos adversos significativos desta iniciativa na contorna, pero inclúe condicionantes co fin de optimizar a protección en distintos eidos

O ámbito de actuación do PIA, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, abrangue un espazo de algo máis de 20 hectáreas de extensión situada ao sueste da cidade de Pontevedra

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do sector B-5 Leste-Estrada de San Mauro, no concello de Pontevedra, co que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé urbanizar solo para construír algo máis de 2.000 vivendas, a maioría en réxime de protección pública na cidade.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, pero inclúe condicionantes co fin de afondar en aspectos como a protección dos bens de patrimonio cultural, a integración paisaxística, a protección dos leitos fluviais, o saneamento e abastecemento de auga ou estudos sobre o tráfico, a mobilidade ou o ruído na zona.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.

Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O ámbito de actuación do PIA é un espazo de máis de 20 hectáreas de extensión ao sueste da cidade de Pontevedra, entre a avenida Conde de Bugallal, a estrada PO-542 e a Rolda Leste, quedando excluída unha parcela edificada situada no seu interior. Nesa zona prevese construír algo máis de 2.000 vivendas, das que máis do 80% serán protexidas e o resto -incluída unha zona reservada para vivendas unifamiliares- libres.

A maiores, o PIA prevé 2.665 prazas de aparcamento, das cales 655 serán de dominio público e situaranse nos viarios e nunha área específica na zona central do ámbito. As zonas verdes públicas dispóñense ao longo do regato da Ponte do Couto e na contorna, a modo de corredor verde, e establécense tamén tres reservas de solo para a dotación de equipamentos públicos.