A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta tarde en San Caetano un convenio co alcalde do municipio coruñés, José Luis Martínez Sanjurjo
O Concello de Ordes incorpórase ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de vivenda protexida no barrio do Piñeiro
O convenio co Concello coruñés é o sexto que se sela en Galicia, tras os rubricados cos concellos das Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño e O Valadouro
O departamento que dirixe María M. Allegue pon a disposición da administración local esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela da súa titularidade, para a construción de 6 vivendas protexidas
Esta iniciativa da Xunta trata de axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro
- Compartir
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto vén de asinar hoxe co alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio. Na sinatura do convenio tamén estivo a xefa territorial da Consellería na Coruña, Begoña Freire.
A través deste convenio, asinado esta tarde en San Caetano, a Xunta pon a disposición do Concello de Ordes esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela de 365 m² da súa titularidade, sita na rúa Galicia 35 en Quinteiros, no barrio do Piñeiro, para a construción de ata 6 vivendas protexidas.
A sinatura hoxe deste acordo permitirá á Xunta sacar a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.
O departamento que dirixe María M. Allegue, a través do IGVS, tamén se encargará da redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que o Concello só terá que ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.
O convenio co Concello de Ordes é o sexto que se asina en Galicia, tras o selado cos concellos das Pontes de García Rodríguez, da Arnoia, de Friol, de Valdoviño e o do Valadouro.
Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos, e a conselleira recordou que o prazo para adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.