O presidente da Xunta participou no acto de celebración do XX aniversario deste organismo
Rueda pon en valor o traballo do Consorcio do Casco Vello de Vigo, no que a Xunta leva investido 30,5 M€ nos últimos 20 anos
Desde a súa creación en 2005, froito da colaboración autonómica e local, o ente puxo a disposición 140 vivendas e 36 locais comerciais
A Xunta “multiplicará por catro” a súa achega ao Consorcio para os próximos 4 anos, ata acadar os 7,1 millóns de euros
Inscribiu esta iniciativa no compromiso do Goberno galego con Vigo, sendo esta “a cidade galega na que máis vivenda pública se está a desenvolver”
Lembrou que o obxectivo da Xunta é duplicar o parque de vivenda pública nesta lexislatura, pasando de 4.000 a 8.000
- Compartir
Vigo, 4 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor os 20 anos de traballo do Consorcio do Casco Vello de Vigo, no que a Xunta leva investidos 30,5 millóns de euros desde a súa creación co obxectivo de rehabilitar e dar unha nova vida ao casco histórico da cidade olívica.
“Se deixas que se degrade unha parte da cidade, especialmente unha tan importante como é a o casco vello, o que se acaba degradando é a propia urbe”, manifestou Rueda, apelando a que o seu coidado permite “dar unha nova vida e manter o orgullo de cidade”.
Así o sinalou hoxe durante a súa participación no acto de celebración do XX aniversario deste organismo. Previamente, percorreu as rúas do barrio para coñecer algúns dos locais e vivendas que se recuperaron durante este tempo.
Desde a súa creación en 2005, froito da colaboración autonómica e local, o Consorcio adquiriu 93 inmobles, dos que xa rehabilitou 79, cos que puxo a disposición 140 vivendas e 36 locais comerciais. O obxectivo, tal e como apuntou o presidente, é seguir traballando nesta liña, de aí que a Xunta vaia “multiplicar por catro” a súa achega a este organismo para os próximos 4 anos, ata chegar aos 7,1 millóns de euros. A finalidade é habilitar outras 25 vivendas máis.
Rueda inscribiu esta iniciativa no compromiso do Goberno galego pola vivenda e por Vigo. Así, lembrou o obxectivo da Xunta de duplicar o parque de vivenda pública nesta lexislatura, pasando de 4.000 a 8.000. “Esas 4000 vivendas comprometidas teñen o seu número maior nesta cidade”, apuntou.
Neste sentido, fixo fincapé en que a cidade olívica “é a poboación galega na que máis vivenda pública se está a desenvolver”. Ao respecto, recordou as 1.600 vivendas que se proxectan en Navia (das que 900 están en marcha), ou que está en tramitación o desenvolvemento do Ofimático, para 2.300 vivendas, e de Ramón Nieto, para outras 1.400.
Ademais disto, o Goberno galego tamén está investindo en moitas outras iniciativas. Citou como exemplo o IES Domingo Villar ou centro de saúde integral Olimpia Valencia “que está a punto de entrar en funcionamento”.
Por último, o presidente da Xunta reafirmou o seu compromiso con Vigo e os seus veciños e apelou á necesidade do traballo conxunto das administracións para seguir “facendo cidade”.