A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou en San Caetano un convenio co alcalde do municipio, Manuel Seoane Rodríguez
O Concello da Peroxa súmase ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de 7 vivendas protexidas
O departamento que dirixe María M. Allegue pon a disposición do Concello esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, dúas parcelas contiguas, situadas no núcleo do municipio ourensán
Este convenio co Concello da Peroxa é o sétimo que se asina en Galicia, tras os rubricados cos concellos das Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro e Ordes
A iniciativa da Xunta trata de axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro
Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos
- Compartir
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, vén de asinar co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane Rodríguez, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio. Na sinatura do convenio tamén estivo a directora territorial da Consellería en Ourense, Pilar Fernández León.
A través deste convenio, asinado esta tarde en San Caetano, a Xunta pon a disposición do Concello da Peroxa esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, dúas parcelas contiguas da súa titularidade, de 805 m² e 1.040 m², respectivamente, e que suman unha superficie total duns 1.845 m², situadas no núcleo da Peroxa, para a construción de polo menos 7 vivendas unifamiliares (6 pareadas).
O departamento que dirixe M. Allegue, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.
O IGVS tamén se encargará da publicación do solo dispoñible, a redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que os concellos unicamente terán que remitir ao IGVS a información sobre as parcelas a adxudicar e ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.
M. Allegue fixo fincapé na importancia desta colaboración cos concellos, sendo este novo convenio co Concello ourensán da Peroxa o sétimo que se asina en Galicia, tras os rubricados cos concellos das Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro e Ordes.
Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos, e a conselleira recordou que o prazo par adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.