A Xunta licita por preto de 570.000 euros a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo para construír case 1.800 vivendas en Vigo e Vilagarcía
Trátase da contratación da redacción do PIA, do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 20,1 hectáreas de solo en Vigo e Vilagarcía, destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas
O lote 1 céntrase no ámbito que se desenvolverá en Vigo, que é o de Cantabria-Ramón Nieto-Santa Cristina, de 13,9 ha, onde se poderán construír 1.392 vivendas
O lote 2 atinxe a Vilagarcía, é o ámbito a desenvolver é o comprendido entre a avenida Carolinas e as rúas Coca e Arealonga, de 6,2 ha, onde se poderán construír 350 vivendas
Este contrato enmárcase na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta para desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres
As empresas interesadas neste contrato, que conta cun prazo de execución de 15 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de xuño
- Compartir
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
A Xunta licitou hoxe, por un orzamento de 568.911 euros o servizo de redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA), do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 20,1 hectáreas de solo nos concellos de Vigo e Vilagarcía de Arousa, destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas.
Este novo contrato enmárcase na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta, co obxectivo de desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres. Xa está en marcha a primeira fase, coa contratación dos PIA para desenvolver sete ámbitos en Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Ourense, Arteixo e A Coruña, onde se prevé urbanizar solo no que construír as primeiras 15.000 vivendas.
A Xunta suma agora esta licitación, que hoxe recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, e que divide en dous lotes, estes dous novos ámbitos, elixidos en consenso cos respectivos concellos de Vigo e de Vilagarcía, cunha superficie total de 20,1 hectáreas, onde se estima poderán construírse un total de 1.742 vivendas.
O lote 1, atinxe ao municipio de Vigo, trátase do ámbito do SUB 403 comprendido entre as rúas Cantabria, Ramón Nieto e Santa Cristina, de un total de 13,9 hectáreas. Nesta contorna a previsión é de construír 1.392 vivendas.
O lote 2, céntrase no ámbito escollido en Vilagarcía, que é o comprendido entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga, de 6,2 hectáreas, cunha estimación de 350 fogares.
As empresas interesadas neste contrato, que conta cun prazo de execución de 15 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de xuño.
Ámbito Vigo SUB 403 Cantabria – Ramón Nieto – Santa Cristina
• Superficie: 139.150,00 m2
• Estimación do número de vivendas: 1.392 vivendas
Ámbito Vilagarcía de Arousa
• Superficie: 62.942,59 m2
• Estimación do número de vivendas: 350 vivendas