Escoitar
A Xunta sorteará esta semana 50 vivendas de promoción pública na Coruña e 48 en Ferrol, destinadas a alugueiro accesible
O 40% destas vivendas adxudicaranse a mozos menores de 36
Mañá, día 9 de setembro, ás 10 de mañá procederase ao sorteo de 50 vivendas públicas no barrio coruñés de Xuxán
Este venres, día 11, procederase ao sorteo doutras 48 vivendas no barrio ferrolán do Bertón
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026
A Xunta sorteará esta semana 50 vivendas de promoción pública na cidade da Coruña e outras 48 no concello de Ferrol, destinadas a alugueiro accesible, das que o 40% estarán destinadas a menores de 36 anos.
En concreto, mañá, día 9 de setembro, ás 10 de mañá, procederase ao sorteo de 50 vivendas públicas que o departamento que dirixe M. Allegue constrúe na parcela Z-28 no barrio coruñés de Xuxán, na Coruña.
O sorteo destas vivendas de Xuxán, que se levará a cabo no salón de actos da delegación territorial da Xunta na Coruña, realizarase ante notario, entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda para o concello da Coruña como municipio preferente.
Tamén esta semana, o venres día 11 de setembro, procederase ao sorteo doutras 48 vivendas de promoción pública que, neste caso, se están a construír no barrio do Bertón, no concello de Ferrol.
Trátase dos novos fogares que albergarán os 2 edificios en construción, nas parcelas 1 e 2 deste barrio da cidade, con 24 vivendas cada un deles.
O sorteo destas vivenda do Bertón se levará a cabo ás 10 horas da mañá no salón de actos da delegación territorial da Xunta en Ferrol. Neste caso, o sorteo realizarase ante notario entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda para o concello ferrolán como municipio preferente.
Requisitos
Os requisitos para acceder a estes sorteos e ser beneficiarios son, entre outros, atoparse inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para o concello da Coruña ou Ferrol como municipio preferente; e residir ou traballar nestes concello.
Ademais, deben carecer de vivenda en propiedade e acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial de entre 0,7 e 4 veces o índice público de renda de efectos múltiples (IPREM) ou 4,5 veces no caso de familias numerosas.
Tras o respectivo sorteo, publicarase a lista provisional de adxudicatarios e se abrirá un prazo de 10 días para reclamacións. Posteriormente, publicarase a lista definitiva e darase un prazo de 10 días para a aceptación ou renuncia.