Escoitar
A Xunta adxudica por 24,2 M€ as obras de construción de 152 novas vivendas públicas en Garabolos, en Lugo
O inmoble contará con máis de 23.000 metros cadrados de superficie construída e terá unha distribución de baixo, 8 alturas e baixo cuberta
Na cidade de Lugo, a Xunta ten en marcha máis de 600 vivendas de promoción pública, das que xa están en obras 146
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2026
A Xunta acaba de propoñer a adxudicación por 24,2M€ as obras de construción de 152 vivendas públicas no barrio de Garabolos, en Lugo.
A nova promoción, proposta para adxudicación a Copasa Infraestructura S.L.U., abranguerá máis de 23.000 metros cadrados de superficie construída, cun inmoble de baixo, 8 alturas e baixo cuberta. Serán fogares de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, e a promoción contará con servizos, comunicacións internas e será un inmoble integrado na contorna, e relacionado co espazo próximo.
A Xunta ten en marcha en Lugo máis de 600 vivendas públicas, das que están en obras 146 en Garabolos. Neste momento están tamén en licitación por 29,6M€ as obras doutras 168 vivendas públicas neste barrio, para as que as empresas poden presentar ofertas ata o 20 de outubro.
Tamén está a desenvolver solo residencial co PIA do Sagrado Corazón, o primeiro en acadar aprobación inicial, que permitirá construír 1.200 vivendas, o 80% protexidas, neste ámbito.