A Xunta recibe 7 ofertas para a redacción do proxecto e a construción de 34 vivendas de promoción pública na avenida Syra Alonso, en Santiago

Na nova promoción empregaranse técnicas industrializadas, cuxo uso suporá o 25% da puntuación na adxudicación

Construiranse dous novos bloques, na avenida Syra Alonso 7 e 5, cada un con 17 vivendas de promoción pública

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2026

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para a redacción do proxecto e as obras de construción de 34 vivendas de promoción pública na avenida Syra Alonso, en Santiago, cun investimento autonómico de máis de 7M€. Estas vivendas construirase en dúas parcelas cedidas de balde á Xunta polo Concello de Santiago.

Para axilizar esta intervención en Santiago, a Xunta licitou no mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras. Nesta actuación  empregarán técnicas industrializadas, polo que as bases recollen que o uso deste sistema supón ata o 25% da puntuación na adxudicación. Este sistema non só permite reducir prazos, senón que tamén mellora a calidade da construción, é máis eficiente e sostible e aporta maior seguridade laboral.

No caso desta intervención en Santiago, trátase de dous novos bloques, un de 17 vivendas na avenida Syra Alonso 7; e outro para outras 17 no número 5 da mesma avenida.

Na cidade de Santiago, a Xunta constrúe 60 vivendas públicas no Castiñeiriño e en Lamas de Abade, ademais de ter en marcha 36 vivendas en Volta do Castro e 60 aloxamentos xuvenís en Xoán XXIII, dirixidos a favorecer a emancipación da mocidade.

Tamén está en marcha o concurso de ideas para construír 244 vivendas públicas e unha residencia xuvenil de 150 prazas en Salgueiriños, ao que se presentaron 39 propostas. Ademais estase a desenvolver solo residencial, co PIA no ámbito de Mallou para impulsar a construción de 3.609 vivendas, o 80% protexidas.