A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, destacou a aposta da Xunta pola dotación de vivenda pública na cidade
A Xunta inicia a construción dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña, cun investimento de case 11 M€
Allegue destacou que se prevé que os traballos iniciados hoxe estean rematados no 2026, xunto a outras dúas promocións, coas que en Xuxán se porán a disposición da cidadanía o vindeiro ano un centenar de vivendas
O novo edificio terá planta baixa e cinco alturas e nel habilitaranse pisos de dous a catro dormitorios
Do investimento de 10,9 M€ no inmoble, a Xunta asume con fondos propios 8,4M€ (77,2 %), mentres que os restantes 2,4 M€ (22,8%) financiaranse con fondos europeos MRR
- Compartir
A Coruña, 16 de xaneiro de 2025
A Xunta vén de iniciar a construción dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña, cun investimento de case 11 M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou hoxe de novo o barrio coruñés e destacou que este novo inmoble será unha realidade o vindeiro 2026.
O edificio cuxa construción se inicia terá unha altura de baixo e 5 plantas, e contará con pisos de 2 a 4 dormitorios. Do citado investimento de 10,9 M€, a Xunta asume con fondos propios 8,4 M€ (77,2 %), mentres que os restantes 2,4 M€ (22,8 %) financiaranse con fondos europeos MRR. Os traballos teñen un prazo de execución estimado de 18 meses.
Allegue destacou a aposta da Xunta pola dotación de vivenda pública, co reto de duplicar o parque residencial nesta lexislatura ata acadar 4.000 novas vivendas, das que xa están en marcha en distintas fases 1.700.
E en concreto, na cidade coruñesa, sinalou a este respecto que ademais do novo inmoble que se inicia hoxe, tamén en Xuxán está en execución outro edificio de 40 vivendas de promoción pública e próximas a adxudicar as obras doutro de 14 VPP. “De xeito que serán máis dun centenar as vivendas que teremos neste barrio en execución”, subliñou.
Ademais, a conselleira destacou a colaboración co Concello da Coruña para acadar a cesión de máis solo urbano onde edificar vivenda protexida. “A relación é moi boa e traballamos man a man para a cesión deses solos urbanos que permitirá materializar outro centenar de vivendas a maiores -sinalou-. Confiamos en que os convenios de cesión deses solos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo se poidan formalizarse este ou o vindeiro mes”.
Lembrou así mesmo que en Xuxán, a Xunta ten solicitada a modificación do PXOM para cambiar o uso de oficina a residencial en dúas parcelas, nas que se poderán crear medio millar de vivendas.
Allegue subliñou tamén que a Administración autonómica está a traballar na colaboración co sector privado para acadar máis vivenda protexida e lembrou que en Xuxán a Xunta ten adxudicadas a dúas cooperativas cinco parcelas en terreos da súa titularidade en dereito de superficie, onde se crearán outras 256 vivendas protexidas. Para estas actuacións a Xunta concedeu axudas por máis de 12 M€ financiadas con fondos europeos.
Recordou tamén que, no marco das achegas da Xunta a promotores, na Coruña a Consellería ten concedido axudas a dúas promotoras para crear vivenda protexida en dúas promocións, que se executarán na Ronda de Outeiro e Someso.
E, por outra banda, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, na cidade desenvolverase o ámbito de Monte Mero, onde se prevén 4.310 vivendas, o 80 % protexidas. Está agora mesmo en licitación a redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento deste ámbito, e o prazo para presentar ofertas é ata o 10 de febreiro.
Ademais, no eido da rehabilitación, a través do programa Rexurbe, está en licitación a obra de recuperación dun edificio na rúa San Andrés, para habilitar 4 vivendas, cun investimento de 1,3 M€. O prazo para presentar ofertas finaliza o 24 de febreiro.
“Seguiremos mantendo esta colaboración coas administracións locais e fomentando a implicación co sector privado para dar resposta ao que nos está pedindo a cidadanía, que é unha vivenda digna, de calidade e a un prezo accesible”, rematou a conselleira.