Escoitar
A Xunta adxudica provisionalmente 48 vivendas públicas que constrúe no Bertón, en Ferrol, das que o 40% se destinan a menores de 36 anos
As vivendas obxecto do sorteo forman parte dos dous edificios en construción neste barrio, cuxas obras están avanzadas e se prevé o remate para o 1º trimestre do vindeiro ano
O sorteo realízase por cupos, en función da composición familiar e os dormitorios, e hai un cupo específico para menores de 36 anos co fin de facilitar a emancipación da mocidade
A conselleira detallou que os importes de alugueiro nestas vivendas serán accesibles e oscilarán entre os 130€ e os 360€ mensuais
Avanzou que haberá máis sorteos, xa que a Xunta está a apostar pola vivenda en Ferrol e ten en marcha 7 promocións con máis de 350 fogares públicos na cidade
Ferrol, 11 de setembro de 2026
A Xunta adxudicou hoxe provisionalmente 48 vivendas que constrúe no barrio do Bertón e que foron sorteadas en Ferrol e das que o 40% se destinan a menores de 36 anos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, asistiu ao sorteo celebrado ante notario na sede da Delegación.
Trátase dos novos fogares que albergarán os dous edificios que actualmente están en construción neste barrio da cidade, con 24 vivendas cada un deles. Concretou que estas obras xa están moi avanzadas, prevendo que no primeiro trimestre do vindeiro ano estean rematadas.
As persoas que participaron no sorteo de hoxe para as citadas vivendas están inscritas no Rexistro único de Demandantes de Galicia e viven ou traballan en Ferrol, que é outro dos requisitos para acceder aos fogares.
O sorteo realízase por cupos, en función da composición familiar e os dormitorios, e cómpre salientar que hai un cupo específico para menores de 36 anos, o que permitirá contribuír a facilitar a emancipación da mocidade.
Deste sorteo, público e ante notario, obtense unha primeira lista de adxudicatarios e abrirase un prazo para alegacións e para presentar a documentación para logo acadar a listaxe definitiva. Cabe sinalar que dous dos adxudicatarios estaban presentes na sala onde tivo lugar o sorteo.
A conselleira detallou que os importes de alugueiro nestas vivendas serán accesibles e oscilarán entre os 130€ e os 360€ mensuais.
Avanzou que haberá máis sorteos proximamente, xa que a Xunta está a realizar unha forte aposta pola vivenda en Ferrol e ten en marcha 7 promocións con máis de 350 fogares públicos na cidade.