A Xunta anima a solicitar as axudas para a adquisición de vivenda para menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, mantivo hoxe en Mugardos un encontro cunha das beneficiarias destas aportacións

Lembrou que a actual convocatoria permanece aberta ata o 16 de novembro e conta cun crédito orzamentario de 2 M€

Explicou que as axudas con compatibles cos avais da Xunta para a compra de vivenda que se poden solicitar ata o 30 de outubro

Mugardos (A Coruña), 17 de setembro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou esta mañá ás persoas mozas da zona a solicitar as axudas  da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a adquisición de vivenda para menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes cuxa convocatoria permanece aberta ata o 16 de novembro.

A representante autonómica mantivo hoxe un encontro cunha das beneficiarias destas achegas, Verónica González, unha veciña de Mugardos que percibiu unha aportación de 10.800 euros na pasada convocatoria que deixou preto de 430.000 euros en 50 axudas no ámbito da Delegación de Ferrol.

Aneiros destacou o éxito da convocatoria que enmarcou no compromiso do Goberno galego á hora de facilitar ás persoas mozas o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. Estas aportacións están destinadas tanto á compra como á autopromoción de vivenda e contan cun orzamento de 2 M€. Nesta convocatoria incrementouse a contía máxima por vivenda de ata 15.000 euros.

Trátase de axudas compatibles cos avais para a adquisición de vivenda que oferta a Xunta e cuxa convocatoria está aberta ata o 30 de outubro, tal e como lembrou a delegada territorial, e súmase á liña de axudas para a compra de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida cuxo crédito acaba de ampliarse ata os 2 M€ -neste caso o prazo de solicitude remata o 15 de outubro-. “Son medidas orientadas a seguir atendendo a demanda da cidadanía e impulsando en Galicia o acceso á vivenda que é un dos temas que máis preocupa aos galegos e ás galegas”, apuntou.