Escoitar
A Xunta inicia as obras de 75 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, das que o 30% se destinarán a familias de entre 36 e 45 anos con fillos
Reservarase tamén o 25% das futuras vivendas para menores de 36 anos
A conselleira destacou o emprego de técnicas industrializadas na construción das fachadas, no marco da aposta que a Xunta está a facer por este modelo “porque ademais de reducir tempos, gáñase eficiencia enerxética”
As 75 vivendas distribúense en 3 bloques lineais, de planta baixa e 5 alturas, con vivendas de 1 e 2 dormitorios, e o proxecto coida os espazos exteriores, con percorridos peonís e zonas abertas, pensadas para a relación dos usuarios
En Ferrol están en marcha 353 fogares públicos, dos cales 123 xa están agora en construción e, deles, 48 xa teñen adxudicatarios provisionais
Ferrol, 18 de setembro de 2026
A Xunta inicia as obras de 75 novas vivendas de promoción pública no barrio do Bertón, en Ferrol, das que o 30% se destinarán a familias de entre 36 e 45 anos con fillos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presentou hoxe esta nova promoción, na que se invisten 11,4M€.
Allegue indicou que serán vivendas destinadas á compra, e sinalou que a maioría dos inscritos no rexistro de demandantes corresponden a unidades familiares de 1, 2 e 3 membros, polo que neste caso a nova promoción contará con fogares de 2 e 1 dormitorios.
Deste xeito, no marco das medidas da Xunta para que máis persoas poidan acceder ás vivendas públicas, ademais do citado 30% para persoas de entre 36 a 45 con un ou dous fillos a cargo ou persoas dependentes, destinaranse o 25% para menores de 36 anos. O restante 45% destinarase aos cupos sen límite de idade.
As 75 vivendas distribúense en 3 bloques lineais, de planta baixa e 5 alturas. Serán fogares luminosos, accesibles e sostibles, a maioría con terrazas e que coidan especialmente tamén os espazos exteriores entre os 3 edificios, con percorridos peonís e zonas abertas, pensadas tamén para a relación e convivencia dos usuarios.
Fachada industrializada
A conselleira incidiu en que na construción destes fogares empregaranse técnicas industrializadas na construción das fachadas, no marco da aposta que a Xunta está a facer para impulsar este modelo.
“Temos -sinalou- un convenio co Clúster da Construción Galicia Constrúe e contamos con empresas punteiras en Galicia que o utilizan, porque non só se trata da redución de tempos, senón tamén de gañar eficiencia medio ambiental e enerxética, toda vez que o illamento térmico e acústico é moi superior á construción tradicional”.
Os traballos de construción desta promoción terán un prazo de execución de 20 meses.
353 vivendas en Ferrol
Con esta nova promoción, das 353 vivendas que o Goberno galego en marcha en Ferrol, son xa 123 as que están en obras, xa que ás 75 iniciadas hoxe súmanse os 48 fogares que están en execución e que se sortearon a pasada semana e teñen adxudicatarios provisionais.
O resto, 230 teñen obra adxudicada, entre elas 49 que se iniciaran proximamente, ou licitada, como é o caso das 65 vivendas cuxas obras están en licitación, con prazo de ofertas ata o 15 de outubro.