A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe nun almorzo informativo sobre este programa
A Xunta e o sector inmobiliario impulsan o programa vivendas vivas para incorporar inmobles sen uso ao mercado do alugueiro a prezos asequibles
Os axentes inmobiliarios e os administradores de fincas poderán inscribirse como entidades colaboradores partir do próximo martes despois de que o luns saia publicada a resolución que regula este programa no Diario Oficial de Galicia
Este novo programa inclúe beneficios tanto para o propietario que pon a súa vivenda no mercado de alugamento como para os interesados en arrendar ese inmoble
- Compartir
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022
A Xunta de Galicia, os axentes inmobiliarios e os administradores de fincas impulsan o novo programa Vivendas Vivas co obxectivo de incorporar inmobles sen uso ao mercado do alugueiro a prezos accesibles.
Durante un almorzo informativo con representantes do sector inmobiliario celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzoulles que desde o próximo martes poderán inscribirse como axentes colaboradores despois de que o luns saia publicada a resolución que regula este programa no Diario Oficial de Galicia.
A conselleira incidiu no imprescindible traballo dos axentes inmobiliarios xa que serán os encargados de localizar e captar vivendas que reúnan os requisitos axeitados, publicalas despois na plataforma informática que se desenvolverá a tal efecto e finalmente asinar o contrato entre arrendador e arrendatario.
A maiores, Ángeles Vázquez salientou que este novo programa, co que se espera poñer no mercado unhas 300 vivendas, inclúe beneficios tanto para o propietario do inmoble como para os interesados en arrendalo.
Así, os donos das vivendas que se adhiran a esta iniciativa terán garantidos seguros gratuítos fronte a impagos e multirrisco do fogar, cuxo custo asumirá o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como asistencia xurídica, en caso de ser necesario, durante un prazo máximo de cinco anos. Esta cobertura contará cun financiamento de 812.000 euros.
No que respecta aos inquilinos, este programa permitirá acceder a unha vivenda cun prezo accesible a aquelas persoas que estean inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia, que destinen o inmoble a residencia habitual e que acrediten que os ingresos da unidade de convivencia están nos rangos establecidos.
Tanto arrendadores como arrendatarios poderán beneficiarse doutras liñas de financiamento postas en marcha polo Goberno galego. Deste xeito, os propietarios poderán optar ás subvencións, por exemplo, do programa Rehaluga ¾que se encontra pendente de convocatoria¾ para realizar as reformas que poida requirir o inmoble despois de levar un tempo en desuso. E, no que respecta aos inquilinos, poden solicitar calquera das axudas ao alugueiro xestionadas pola Xunta como o bono de alugueiro social ou o novo bono alugueiro mocidade.
Para concluír, Ángeles Vázquez salientou que esta medida está incluída do Pacto social pola vivenda 2021-2025, asinado en xaneiro de 2021 e cuxo obxectivo é “mobilizar máis de 1.080 millóns de euros para chegar a 70.000 familias”. A conselleira lembrou que na actualidade xa están en execución máis do 80% das medidas propostas.