A Xunta constata que as zonas tensionadas da Coruña e Santiago reducen un 52% e un 55%, respectivamente, os contratos de alugueiro e alerta do fracaso da política intervencionista do Estado

Allegue cuestiona o reparto de 90 M€ do Estado a concellos con declaración de zona tensionada e reclama que os fondos se distribúan con criterios obxectivos e en función das necesidades de vivenda

Ofrece asumir as 40 vivendas municipais baleiras da Coruña para rehabilitalas e incorporalas ao alugueiro público

Lembra que Fogar Vivo xa facilita aos concellos seguros fronte a impagos e danos para mobilizar vivendas baleiras e ampliar a oferta de alugueiro accesible

Pon en valor as máis de 1.000 vivendas públicas que están xa en marcha na Coruña e o PIA do Monte Mero, que permitirá impulsar outras 4.400, 3.500 delas protexidas

A Xunta pide ao Concello da Coruña novas parcelas para construír máis vivenda pública e destinar a estes proxectos os fondos vinculados ás zonas tensionadas

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, constatou que os primeiros resultados das zonas de mercado residencial tensionado da Coruña e Santiago de Compostela evidencian o fracaso da política intervencionista impulsada polo Goberno central, ao reducirse un 52 % e un 55 %, respectivamente, os contratos de alugueiro. A Xunta considera que estes datos demostran que a declaración destas áreas non está a facilitar o acceso á vivenda, senón que está a reducir a oferta dispoñible.

Segundo explicou a conselleira hoxe no Parlamento, no caso da Coruña, os últimos datos do depósito de Fianzas do IGVS mostran que os contratos de alugueiro na Coruña pasaron de 730 en xullo de 2025 a 349 en xullo de 2026, unha caída superior ao 52 %, e a 292 en agosto, case un 60 % menos. En Santiago, que entrou en vigor como zona tensionada o pasado xullo, e cos primeiros datos coñecidos deste agosto, se constata a caída de contratos acada xa o 55 %, ao pasar de 441 a 199 contratos. Allegue advertiu de que menos contratos significan menos oferta e menos oportunidades.

Allegue dixo que os concellos galegos non son os únicos en amosar esta tendencia, e referiuse ao caso de Barcelona, onde os datos oficiais do Instituto Catalán do Solo (Incasol) mostran que dous anos despois da declaración da zona tensionada continúa a reducirse o número de contratos, cunha caída do 17 %, fronte ao 14 % rexistrado no primeiro ano.

Ante estes resultados, Allegue cuestionou que a resposta do Goberno central sexa destinar 90M€ exclusivamente aos territorios declarados como zonas tensionadas, dos que 5 M€ serían para A Coruña e Santiago de Compostela. A conselleira cualificou como “chantaxe e absoluta falta de respecto” ao esforzo que están a realizar outras administracións autonómicas ou municipais, más alá de ter ou non a declaración de zonas tensionadas.

Neste sentido, puxo como exemplos Ames, O Porriño, Pontevedra e Oleiros, concellos que están a facilitar solo, impulsando vivenda protexida ou aprobando medidas para favorecer a súa construción e mobilización de vivenda baleira.

A conselleira defendeu que os recursos do Estado son de todos e deben distribuírse con criterios obxectivos e en función das necesidades reais de vivenda, ao tempo que lembrou que Galicia leva tempo reclamando máis fondos no marco do Plan Estatal de Vivenda.

Ante o anuncio do Goberno do Estado de que chegarán 5M€ a Galicia para A Coruña e Santiago, Allegue sinalou que, se finalmente o Real Decreto, que está en fase de borrador, se aproba, os fondos serán destinados ás políticas que a Xunta desenvolve nestas dúas cidades.

A conselleira salientou que o Concello dispón de 40 vivendas baleiras, das que a Xunta non tiña coñecemento, e reiterou o ofrecemento trasladado á alcaldesa para que o Goberno galego poida asumilas, acometer as obras de mantemento e poñelas en alugueiro público, ante a falta de capacidade económica municipal para facelo, tal e como lle foi trasladado en carta polo propio Concello da Coruña.

Allegue lembrou, tamén, que a Xunta xa dispón do programa Fogar Vivo, que ofrece apoio para os seguros de impago e danos á que se poden adherir os concellos. Así, invitou ao Concello da Coruña a facelo e non duplicar mediadas que xa ten activas a Xunta  dentro dunha política máis ampla de mobilización de vivendas baleiras para incorporalas ao alugueiro accesible.

Máis de 1.000 vivendas públicas en marcha na Coruña

Allegue destacou que na Coruña se están desenvolvendo máis de 1.000 vivendas públicas e que no PIA do Monte Mero se levantarán arredor de 4.400 vivendas, 3.500 delas protexidas, todas elas con impulso e financiamento da Xunta de Galicia.

A conselleira lembrou que o Goberno galego leva meses solicitando ao Concello da Coruña a cesión de novas parcelas municipais para poder construír máis vivenda pública e reiterou o compromiso de que, se recibe eses solares, a Xunta investirá neles os fondos procedentes das zonas de mercado residencial tensionado para construír novas vivendas públicas. De non recibirse esas parcelas, os recursos serán destinados a outras actuacións da Xunta en materia de vivenda na cidade da Coruña.