A Xunta somete a información pública o proxecto para construír 2 sendas en Arentei e Oleiros, en Salvaterra de Miño, que suporán un investimento de preto de 750.000€

Tal como recolle o DOG, ao longo dos vindeiros 30 días hábiles, as persoas interesadas poderán presentar suxestións a este proxecto

Un dos itinerarios desenvólvese pola estrada PO-404, na parroquia de Arentei; e o outro discorre pola PO-400, na de Oleiros, sumando unha lonxitude total dalgo máis de 1 km

O obxectivo destas sendas é facilitar desprazamentos seguros da veciñanza, e ao mesmo tempo, fomentar hábitos sostibles e saudables

Ademais da construción das propias sendas, acometeranse actuacións complementarias como a ampliación puntual da plataforma; a mellora da drenaxe e da recollida de augas pluviais; ou a colocación de varandas ou bancos

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 9 de outubro de 2026

A Xunta inicia o trámite de información pública do proxecto para construír dúas novas sendas en Arentei e Oleiros, no concello de Salvaterra de Miño, que suporán un investimento de preto de 750.000€, cofinanciado con Fondos Feder. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou hoxe deste trámite que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Tal como recolle o DOG, ao longo dos vindeiros 30 días hábiles, as persoas interesadas poderán presentar suxestións a este proxecto.

Allegue indicou que a Xunta traballa coa previsión de que, unha vez finalizado este trámite de información pública, se poida aprobar o proxecto de construción e licitar as obras no primeiro trimestre do vindeiro 2027. O prazo de execución dos traballos será de 12 meses.

Estas sendas para peóns e ciclistas suman unha lonxitude dalgo máis de 1km. Un dos itinerarios desenvólvese pola estrada PO-404, na parroquia de Arentei; e o outro discorre pola PO-400, na de Oleiros.

A senda de Oleiros sitúase nunha contorna periurbana con vivendas e negocios, e a de Arentei, nunha zona rural con accesos e edificacións. Neste sentido, Allegue salientou que o obxectivo destas actuacións é facilitar desprazamentos seguros da veciñanza, e ao mesmo tempo, fomentar hábitos sostibles e saudables.

Ademais da construción das propias sendas, acometeranse outras actuacións complementarias como a ampliación puntual da plataforma; a mellora da drenaxe e da recollida de augas pluviais; a colocación de varandas ou bancos.