Rueda subliña que os Orzamentos de 2026 serán fundamentais para duplicar o parque público de vivenda galego nesta lexislatura
Incrementarase nun 20% a edificabilidade contemplada na Lei do solo nas promocións de vivenda protexida
Salienta a presentación duns novos orzamentos en Galicia en tempo e forma para seguir modernizando e reforzando os servizos públicos, fomentar e fornecer o crecemento económico e baixar impostos
Destaca que o 98,5% das rebaixas fiscais que ten a Xunta benefician ás rendas medias e baixas
- Compartir
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que os Orzamentos de 2026 serán fundamentais para dobrar o parque público de vivenda galego nesta lexislatura.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Executivo galego destacou que a presentación duns novos orzamentos en Galicia “en tempo e forma” é a “normalidade”, como é o caso das contas para 2026, entregadas este luns no Parlamento de Galicia. Segundo salientou, contarán con 14.240 millóns de euros para “seguir modernizando e reforzando os servizos públicos, fomentar e fornecer o crecemento económico, facer apostas de país e baixar impostos”.
Así, en materia de vivenda, Rueda apuntou que con estes orzamentos dedicarase á construción de vivenda pública “un 60% máis que este ano”, co obxectivo final de “duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura”, de 4.000 a 8.000. Unha folla de ruta para construír vivendas e colaborar cos promotores para que fagan vivenda accesible, tamén coa colaboración de moitos concellos.
Neste sentido, cómpre lembrar que en ano e medio de lexislatura xa están en marcha preto de 3.000 vivendas en diferentes fases de execución. Avances normativos como o Bono Emancípate, a conversión de locais comerciais en vivenda “con esixencias de habitabilidade”, a redución de impostos ou asegurar e sacar ao mercado vivendas baleiras tamén están a axudar a mellorar a situación da vivenda na nosa comunidade.
Ademais, nos Orzamentos de 2026 e na Lei que os acompaña haberá novidades para axilizar, facilitar e impulsar a construción de vivenda en Galicia, como incrementar nun 20% a edificabilidade contemplada na Lei do solo nas promocións de vivenda protexida cando alomenos o 60% da superficie total do sector se destine á construción de vivendas protexidas, con independencia das limitacións de edificabilidade que estableza o planeamento.
Rebaixas fiscais
Tamén durante a sesión de control, o presidente salientou que os orzamentos deste ano terán que suplir con fondos propios a baixada que hai nos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e que incrementarán, entre outros, o investimento en I+D+i, no sistema de dependencia ou en Educación.
Ademais, nos orzamentos dedicaranse preto de 800 millóns de euros a rebaixas fiscais, un feito sobre o que Rueda afirmou que “o 98,5% das rebaixas fiscais que ten a Xunta de Galicia benefician ás rendas medias e baixas” e que as deducións específicas deste ano engaden a 115.000 beneficiarios máis.