Escoitar
A Xunta investirá 66M€ no desenvolvemento do ámbito de Monte Mero, na Coruña, e prevé un investimento inducido de 800m€ neste novo barrio para 13.000 veciños
O novo barrio, no que se prevén 4.397 vivendas, 3.521 delas protexidas, deséñase como un espazo urbano dinámico co eixo central do gran Parque de Monte Mero, que conformará un fito paisaxístico e visual sobre a entrada á Ría do Burgo na cidade
Prevese unha gran rede de zonas verdes, coa previsión de 4.300 árbores, que envolverán a ordenación xeral proposta, que contará con itinerarios sostibles, peonís e ciclistas para favorecer a conectividade no sector
Está prevista a creación de máis de mil prazas de aparcamento
Trala publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da aprobación inicial, ábrese un prazo de información pública durante quince días e prevese a aprobación definitiva do PIA neste ano
A Xunta prevé licitar a urbanización do ámbito no vindeiro ano 2027
A Coruña, 1 de abril de 2026
A Xunta investirá 66M€ no desenvolvemento do ámbito de Monte Mero, na Coruña, e prevé un investimento inducido de 800M€ neste novo barrio para 13.000 veciños. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presentou hoxe o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para a cidade coruñesa, o sexto dos que tramita a Xunta que acada a aprobación inicial.
Allegue destacou a posta en marcha deste novo barrio como “unha boa noticia para A Coruña” e puxo en valor que configurará unha nova fachada urbana da cidade. Deste xeito, o PIA deseña un espazo urbano dinámico no que, ademais das máis de 4.000 vivendas previstas, habilitaranse espazos de uso público, percorridos amables e destacará a creación do gran Parque de Monte Mero, que conformará un fito paisaxístico e visual sobre a entrada á Ría do Burgo na cidade.
O PIA está deseñado baixo criterios de integración na contorna, e a conselleira subliñou que a partir do parque de Monte Mero se orixinará unha rede de espazos libres que vertebrarán interiormente o sector, sobre o cal se integrarán as parcelas residenciais, polo que todas terán adxacente unha zona de lecer para as persoas residentes.
Xunto á gran rede de zonas verdes, coa previsión de 4.300 árbores, que envolverán a ordenación xeral proposta, o barrio contará con itinerarios sostibles, peonís e ciclistas, para favorecer a conectividade no sector, e con zonas destinadas a usos terciarios, equipamentos públicos e aparcamentos para facilitar a mobilidade na contorna.
A proposta
O ámbito de Monte Mero, que ocupa unha superficie de máis de 400.000 metros cadrados, está situado cara ao sur da cidade, nun espazo entre a avenida de Alfonso Molina, a cidade das TIC, a avenida da Pasaxe e o barrio de Xuxán. O PIA configurará unha nova fachada urbana da cidade aberta sobre a avenida Alfonso Molina, a AP-9 e a avenida de Lavedra, mediante a disposición dunha nova franxa de volumes residenciais e usos terciarios.
Serán un total de 4.397 vivendas as previstas no ámbito, das que 3.521 serán protexidas. Estes fogares estruturaranse en vivenda colectiva de bloque lineal (desde baixo e dúas plantas a baixo e 12) e as alturas dos edificios visualmente irán escalonadas, para facilitar esa integración na contorna. Tamén se prevén vivendas unifamiliares para realoxos. No ámbito adáptanse as alturas dos volumes respectando a altura de referencia que corresponde á parte máis alto do Monte Mero.
A ordenación prevé varias áreas diferenciadas con destino a equipamentos, mantendo a continuidade cos existentes nunha distribución equilibrada en distintas zonas. Así, disponse de zonas de equipamento na contorna do colexio Maristas, na contorna da cidade das TIC. Por outra banda, resérvase unha parcela para equipamento sanitario.
Gran aposta pola mobilidade sostible
En canto á rede viaria, búscase unha mobilidade ordenada que comunique coa trama urbana existente e favoreza a mobilidade interior, conectando o sector cos viarios principais e, ademais, na zona residencial priorízase ao peón e o transporte sostible. Disporanse 1.074 prazas de aparcamento, 27 para persoas con mobilidade reducida.
Por outra banda, a urbanización permitirá dotar ao ámbito de todos os servizos: saneamento, abastecemento, pluviais, redes de iluminación, de gas e de telecomunicacións, todo integrado polo sistema viario definido.
Prazos
Tras a aprobación inicial do PIA o pasado luns no Consello da Xunta e da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de 15 días para a presentación de alegacións.
O seguinte paso será a análise dos informes sectoriais que xa se están a solicitar e previsión é que o PIA conte coa aprobación definitiva este ano, para licitar a obra de urbanización no vindeiro ano 2027. A previsión é que no 2028 se poidan simultanear as obras de urbanización e de edificación. Unha vez reparcelado o ámbito, a Xunta sacará a concurso as parcelas para que promotores e cooperativistas poidan construír.
Vivenda na Coruña
Ademais de desenvolver solo residencial, a Xunta ten na actualidade en marcha máis de mil vivendas públicas na cidade, das que 632 se sitúan no barrio de Xuxán e outras 100 se desenvolverán nas 3 parcelas cedidas polo Concello. Ademais, a Xunta convocou un concurso de ideas para os proxectos de 168 vivendas públicas, 150 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos e unha residencia xuvenil en Elviña.
A conselleira insistiu na necesidade de que o Goberno central axilice a aprobación o Plan Estatal de Vivenda que permitirá ás comunidades autónomas lanzar as axudas cofinanciadas ao abeiro deste plan.