Escoitar
A Xunta entrega en réxime de alugueiro unha vivenda de promoción pública no municipio de Begonte
Begonte (Lugo), 1 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega hoxe dunha vivenda de promoción pública na rúa do Vilar de Baamonde, no municipio de Begonte. É propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e foi adxudicada en réxime de alugueiro. Dispón de 79 metros cadrados de superficie e conta con tres dormitorios, garaxe e rocho.
Arias lembrou que o Goberno galego tamén incentiva a creación de vivenda protexida por parte doutros promotores públicos ou privados. Explicou que, con este fin, o 6 de abril abrirá o prazo para que os concellos poidan solicitar o Fondo de cooperación para o financiamento de promocións de vivenda protexida de nova construción. Está dotado de 8,6 millóns de euros, destinados a préstamos sen xuros a devolver no prazo máximo de 8 anos.