A Xunta avanza na adxudicación das obras de 48 vivendas de promoción pública no Bertón, en Ferrol
Trátase dos dous edificios que se construirán nas parcelas 1 e 2 de Bertón, cada un con 24 vivendas de promoción pública
Estes traballos de construción licitáronse por un total de 13 millóns de euros
A Xunta xa ten máis de 2.200 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución
- Compartir
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanza na adxudicación das obras de construción de dous edificios para 48 novas vivendas de promoción pública (VPP) no do barrio ferrolán do Bertón.
Así, para as obras de construción dun inmoble para 24 vpp na parcela 1, na rúa As Constituíntes, foi proposta a empresa Prace Servicios e Obras S. A.. Nestes traballos, que se licitaron por máis de 6,6 M€, abordarase unha nova edificación de tres plantas de altura que contará con prazas de garaxe (1 delas accesible), 24 rochos e 3 locais.
Por outra banda, para a construción doutro edificio na parcela 2 de Bertón, con outras 24 vivendas, propúxose á adxudicación á firma Seranco S. A. O contrato licitouse por importe de 6,4M€ e o inmoble, tamén na rúa Constituíntes, terá tres alturas, contará con 70 prazas de garaxe e 24 rochos. Neste conxunto está incluído, ademais, que 1 vivenda e 1 praza de garaxe sexan adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
En ambos casos, a Xunta financia as obras nun 81,9% con fondos propios, e o resto corresponde aos fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia). Ademais, para o inmoble previsto na parcela 1, a Xunta tamén financia con fondos propios a redacción de proxecto e resto de traballos técnicos (206.897 euros) así como o custe da parcela na que se edifican, que foi urbanizada pola Xunta. E, no que atinxe ao inmoble da parcela 2, tamén se custean con fondos propios a redacción de proxecto e traballos técnicos (189.319 euros) así como o custe da parcela, urbanizada pola Xunta.
O Goberno galego segue a avanzar na aposta pola vivenda de promoción pública neste barrio da cidade, que permite ter en marcha xa 363 novas vivendas en Ferrol, en distintas fases de desenvolvemento.
A Xunta está a apostar pola construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e na súa área de influencia, e ten xa en marcha na comunidade máis de 2.200 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución, co obxectivo de acadar as 8.000 nesta lexislatura. Isto, ao tempo que se desprega a primeira fase de execución da Estratexia galega de solo residencial, que prevé desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.