A Xunta publica hoxe no DOG a declaración dunha nova área Rexurbe de Galicia en Ourense, co fin de dinamizar o seu conxunto histórico e a súa contorna
A posta en marcha da Área Rexurbe busca poñer en valor practicamente a totalidade do conxunto histórico-artístico e unha zona situada entre o núcleo antigo e o río Barbaña, que conta con 3.881 habitantes, que representa o 8,8 % do total do municipio
Trátase de fomentar a rehabilitación e rexeneración, con especial énfase nos inmobles en ruínas, mellorar as conexións co resto da cidade, impulsar a actividade económica tanto para a poboación residente como a turística e contribuír á cohesión social
Tras a publicación hoxe no DOG, o seguinte paso é a elaboración por parte do Concello de Ourense do plan de dinamización, e a súa posterior aprobación
Con esta declaración da área Rexurbe en Ourense xa son 10 os conxuntos históricos con esta figura: Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol, Betanzos, Monforte de Lemos e Baiona
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025
A Xunta vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración en Ourense da área Rexurbe de Galicia, que comprende practicamente a totalidade do conxunto histórico-artístico da cidade, e unha zona situada entre o núcleo antigo e o río Barbaña.
A declaración desta nova área Rexurbe trata de facilitar a rehabilitación de vivendas e obras de urbanización e reurbanización, co obxectivo de repercutir sobre as condicións de vida dos veciños, mellorándoas.
O ámbito da citada área consta dunha superficie de 0,195 Km2, 3.881 habitantes, que representa o 8,8 % do total do municipio; 1.065 edificios, que suman 3.121 vivendas, e 960 locais comerciais.
As áreas Rexurbe son zonas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características, precisan dunha maior implicación da Administración autonómica e local para revitalizar o seu ámbito.
O obxectivo é manter e mellorar as dinámicas e servizos do conxunto histórico como espazo central, contribuíndo a dinamizar a zona e a mitigar o despoboamento, a través do fomento da mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes, na procura de atraer novos habitantes e a garantía da conservación dos valores patrimoniais do conxunto e dos seus elementos singulares.
Trátase de fomentar a rehabilitación e rexeneración, con especial énfase nos inmobles en ruínas, mellorar as conexións co resto da cidade, impulsar a actividade económica tanto para a poboación residente como a turística e contribuír á cohesión social.
Tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o seguinte paso a elaboración por parte do Concello de Ourense do plan de dinamización, e a súa posterior aprobación.
Ademais, o Concello deberá contar cun centro de rexeneración urbana de interese autonómico (centro Rexurbe), que será o punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área.
Así, tras esta publicación da declaración da área Rexurbe, o Concello deberá elaborar un plan de dinamización, que é o instrumento de planificación que formulará un programa plurianual referido á totalidade do ámbito ou a algunhas das súas áreas, en que se integran actuacións a nivel arquitectónico dirixidas a fomentar as políticas de rehabilitación de edificios e de vivendas e a mellora do espazo público con outras a nivel económico e social.
Con esta declaración da área Rexurbe en Ourense xa son 10 os conxuntos históricos declarados que contan con esta figura: Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol, Betanzos, Monforte de Lemos e Baiona.
Área de rehabilitación
Cómpre lembrar que o núcleo histórico de Ourense foi declarado Área de rehabilitación integral (ARI) e quedou incluída unha gran parte da delimitación da área Rexurbe na ARI.
Actualmente hai 3 convenios en execución no conxunto histórico de Ourense, por importe de preto de 855.000 euros, dos que xa están xustificados por parte do Concello algo máis de 452.000 euros.
Tamén o Concello de Ourense foi beneficiario da repartición das axudas do programa de Barrios realizado en 2023, cun importe total de 2 M€, dos cales corresponderon 759.800 € ao conxunto histórico da cidade.
Ademais, a Xunta, a través do programa Rexurbe, adquiriu un total de 6 inmobles na cidade, situados nas rúas Pelayo 9, Manuel Sueiro 3, Liberdade 28, Cervantes 29, e Colón, 8 e 16. E tamén se rehabilitaron 3 inmobles cedidos polo Concello de Ourense situados na rúa Vilar, nos números 1, 3 e 5 (estes dous últimos nun único edificio).