II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030

O 20 de xaneiro de 2021 asinouse o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025 polos representantes das entidades integrantes do Pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia do que forman parte os axentes da edificación, a Federación Galega de Municipios e Provincias, os consumidores e usuarios e os profesionais da intermediación inmobiliaria.
O primeiro Pacto representou un avance fundamental na política de vivenda porque xurdiu como froito da colaboración do sector no deseño das políticas públicas de vivenda a través dun documento que fixou as directrices na materia a seguir pola Xunta de Galicia nese período.
Na actual situación, esa colaboración cobra unha maior importancia para implementar propostas que faciliten o acceso á vivenda e o fomento da rehabilitación edificatoria especialmente dende a perspectiva da conservación, accesibilidade e eficiencia enerxética.
É importante destacar tamén o papel que debe xogar a vivenda protexida, tanto a promovida por promotores públicos como privados, para poñer no mercado vivenda a prezos accesibles, especialmente para as persoas con menores ingresos e a mocidade.
Ao igual que no Pacto anterior, este documento pretende ser aberto e fixar as directrices básicas das políticas de vivenda e solo e dinámico para adaptarse aos cambios que se produzan no sector durante a súa vixencia. A tal fin, anualmente darase conta ao Pleno do Observatorio das actuacións realizadas na súa execución para o seu seguimento que servirá, así mesmo, de base para eventuais modificacións ou correccións nos programas incluídos no Pacto a fin de axustalos ás necesidades detectadas en cada momento, dotando así de flexibilidade ao Pacto.

Documentos relacionados

II Pacto de Vivenda de Galicia