A Xunta garante o diálogo no impulso de solo residencial en terreos que levan anos sen desenvolver, co obxectivo de construír 25.000 vivendas

A Estratexia Galega de Solo Residencial busca transformar ámbitos previstos no planeamento e paralizados durante anos en solo preparado para construír vivenda accesible e dar resposta para as persoas e familias que buscan un fogar a un prezo asumible

García Porto sinala que sete dos 13 proxectos de interese autonómico xa contan con aprobación inicial e a previsión é licitar as obras de urbanización en 2027

Salienta que a Xunta leva celebradas 78 reunións con propietarios e persoas afectadas e ofrece solucións individualizadas para compatibilizar o interese xeral cos seus dereitos

Advertiu da necesidade de colaboración no desenvolvemento dos PIA dos concellos, propietarios, promotores e Xunta, así como maior axilidade e coordinación administrativa

Incide nas demoras na emisión de informes sectoriais estatais necesarios para avanzar na tramitación dalgúns ámbitos, entre eles os relacionados con Estradas e confederacións hidrográficas

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

A Xunta garante o diálogo no impulso de solo residencial en terreos que levan anos sen desenvolver, co obxectivo de construír 25.000 vivendas.  O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, compareceu hoxe na comisión 2º do Parlamento, a petición propia, na que puxo en valor as políticas de vivenda da Xunta en Galicia, ante a necesidade de transformar solo en vivendas e facelo, neste caso, a través do desenvolvemento de solo.

A súa intervención articulouse arredor de catro ideas: 25.000 vivendas previstas, polo menos 20.000 protexidas; desbloqueo de solo paralizado durante anos, diálogo e solucións individualizadas para as persoas afectadas, e responsabilidade compartida entre as administracións, os propietarios e os promotores.

Incidiu no obxectivo da Estratexia Galega de Solo Residencial, aprobada no 2024,  de aumentar a oferta de vivenda, actuando sobre unha das súas principais dificultades: a falta de solo urbanizado e preparado para construír. O seu obxectivo, subliñou Heriberto García Porto, é transformar a planificación en vivendas reais, cunha clara prioridade polo acceso a prezos asumibles e pola vivenda protexida.

Unha resposta ao acceso á vivenda

A Xunta impulsa 13 proxectos de interese autonómico (PIA) en 12 concellos, unha iniciativa que busca desbloquear ámbitos previstos no planeamento urbanístico que permanecían sen desenvolver durante anos. Dos 13 PIA en tramitación, sete xa contan con aprobación inicial: Monte Mero, na Coruña; Sagrado Corazón, en Lugo; Escorial-Vinteún, en Ourense; Ofimático, en Vigo; A Baiuca-Penouqueira, en Arteixo; San Mauro, en Pontevedra; e Mallou, en Santiago. A previsión é licitar as obras de urbanización en 2027. Os seis proxectos restantes atópanse en distintas fases de tramitación nos ámbitos de Cantabria-Ramón Nieto-Santa Cristina, en Vigo; Vilagarcía de Arousa; Marín; O Porriño; Ribadeo; e Cangas.

Heriberto García Porto fixo fincapé en como as consecuencias dos atrasos no desenvolvemento urbanístico van máis alá do planeamento: supoñen vivendas que non se constrúen, oportunidades que non chegan e máis dificultades para as persoas e familias que buscan un fogar a un prezo asumible. Por iso, segundo abundou, a política de vivenda debe actuar tanto sobre as consecuencias da falta de oferta como sobre as súas causas. Ademais das axudas, da mobilización de vivenda baleira e do impulso á promoción pública, resulta imprescindible aumentar a dispoñibilidade efectiva de solo residencial e garantir que unha parte moi importante da nova oferta se destine a vivenda protexida.

Diálogo e solucións individualizadas para as persoas afectadas

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo concretou que, desde o inicio da tramitación dos PIA, a Xunta celebrou un total de 78 reunións con persoas afectadas: 45 individuais con propietarios de vivendas e outras 33 de carácter colectivo, nas que participaron propietarios de solo e vivendas, empresas e representantes. García Porto destacou a importancia de manter o diálogo e analizar as circunstancias de cada caso para compatibilizar o interese xeral co respecto aos dereitos dos propietarios. A actuación distingue entre terreos sen edificar e vivendas ou outras edificacións existentes, coas garantías e compensacións previstas na normativa.

Nos ámbitos de San Mauro, en Pontevedra; Sagrado Corazón, en Lugo; e Escorial-Vinteún, en Ourense, xa se regulou o procedemento de participación dos propietarios de terreos. Esta vía permite que poidan intervir no desenvolvemento e recibir parcelas resultantes, conforme ás condicións establecidas e asumindo as obrigas urbanísticas que lles correspondan.

No caso das vivendas existentes, a Xunta analiza individualmente as distintas situacións. Para aquelas que constitúan a residencia habitual dos seus propietarios, contempla alternativas como unha vivenda de substitución promovida pola Administración autonómica, de superficie semellante e cun máximo de 150 metros cadrados útiles, ou o pagamento do xustiprezo, coa posibilidade de acceder a unha parcela para construír unha nova vivenda. Cando non se trate da residencia habitual, prevese o pagamento do xustiprezo e a posibilidade de acceder a unha parcela dentro do ámbito.

Responsabilidade compartida entre administracións, propietarios e promotores

Heriberto García Porto incidiu na necesidade de colaboración no desenvolvemento dos PIA dos concellos, propietarios, promotores e Xunta, así como maior axilidade e coordinación administrativa.

Cualificou de insuficientes os 10 M€ previstos para Galicia no Plan estatal de vivenda 2026-2030 para desenvolver solo residencial, fronte aos arredor de 5.000 M€  estimados para urbanizar o solo destinado ás 25.000 vivendas e construílas. Lembrou tamén que a Xunta cofinancia o 40 %.

Fixo fincapé en como a responsabilidade pública non remata coa aprobación dun plan, senón que tamén en conseguir que se execute e que produza resultados. A este respecto, o secretario xeral advertiu das demoras na emisión de informes sectoriais estatais necesarios para avanzar na tramitación dalgúns ámbitos, entre eles os relacionados con Estradas e confederacións hidrográficas. A súa emisión dentro de prazos razoables resulta fundamental para acadar as aprobacións definitivas e cumprir a programación prevista, subliñou.