A Xunta garante o carácter social das vivendas promovidas pola cooperativa Galivivienda en Xuxán, fronte á inacción do Goberno central
García Porto destaca que neste momento o financiamento destas vivendas depende, ao igual que decenas de proxectos no territorio nacional, da posibilidade de prórroga dos fondos europeos
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, defendeu hoxe nunha intervención no Parlamento a actuación da Xunta de Galicia para garantir o carácter social das 224 vivendas protexidas da promoción da cooperativa Galivivienda en Xuxán (A Coruña) e os dereitos dos cooperativistas.
García Porto fixo un repaso pola situación xerada en torno a esta promoción e os pasos dados polo Goberno autonómico. Recordou que a Xunta licitou e adxudicou en 2023 a Galivivienda a través dun concurso publico solo en condicións altamente vantaxosas cun canon simbólico e outorgou as axudas de fondos europeos, tamén nun procedemento público de concorrencia non competitiva, por importe de mais de 10M€ á cooperativa.
Sobre o financiamento por parte do Instituto de Crédito Oficial (ICO), García Porto lembrou que o Estado puxo a disposición do ICO 4.000M€ de fondos europeos, aos que engadiu outros 2.000M€ de fondos estatais para cubrir supostamente cun aval público o 50% do risco que o ICO asume en cada promoción.
García Porto negou así mesmo que a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) autorizase a subrrogación da cooperativa Galivivienda noutra de nova creación por criterios de financiamento ICO, afirmando que “non hai unha subrrogación efectiva, senón unha concesión condicionada que nunca chegou a formalizarse”.
O secretario puntualizou que en abril deste 2025, un ano despois de que a cooperativa tramitase o financiamento do préstamo, o ICO modificou totalmente a proposta presentada pola cooperativa, “establecendo un modelo de financiamento que facía inasumible as condicións de acceso dunha parte importante dos socios ás vivendas”, xa que obrigaba a uns desembolsos os primeiros 10 anos da ocupación das vivendas e desvirtuaban o carácter social da promoción. “É dicir, o ICO, con fondos europeos e avais públicos do Estado, estaba a fixar condicións peores que a banca comercial”, sinalou García Porto.
Ante esa situación, lembrou que a Xunta de Galicia mantivo clara desde o primeiro momento a postura de que non ía consentir esa forma de financiamento: “Ou se buscaba unha nova estrutura de funcionamento ou esas condicións non ían ser aceptadas en solo público da Xunta de Galicia”.
Ante a “inacción” do ministerio tras os contactos mantidos, engadiu que ante a insistencia da Xunta, conseguiuse en maio que o ICO reconsiderase a súa posición para volver a un esquema de financiamento adaptado á proposta inicial, coa condición de o Ministerio aclarase a posibilidade de prórroga dos fondos europeos do Plan de Recuperación que vencen en 2026, e que habilitan a percepción das axudas concedidas.
Fondos europeos
E insistiu en que desde hai catro meses, tanto a Xunta de Galicia como outras comunidades autónomas están a facer xestións ante o Ministerio para aclarar a vixencia destes fondos europeos, sinalando que esta situación de incerteza ten paralizadas decenas de proxectos na mesma situación. “Esta é a situación na que hoxe nos atopamos, cunha inacción por parte do Ministerio de Vivienda”, afirmou.
Así mesmo, en relación ca situación de reclamación que están a presentar algúns socios da cooperativa, remarcou que a Xunta manifestoulles en reunións que está a apoiar a cooperativa para tentar desbloquear os problemas para desenvolver a súa actuación, “pero a Xunta non pode resolver diferencias internas entre cooperativistas; esas decisións adóptanse en asemblea da cooperativa, mais alá de procurarlles todo o asesoramento que poidamos darlles. Non vai a atopar en min unha defensa da xestora, pero as decisións da cooperativa se toman en asemblea”.
En todo caso, asegurou que se está a procurar conciliar as peticións destes cooperativistas co funcionamento da propia cooperativa para que se habiliten as solucións oportunas para mellorar o acceso a información solicitada por estes socios, “sen desatender a necesidade urxente de pechar o financiamento”.
Criticou que o BNG “ten un discurso diferente en Galicia e en Madrid”, e referiu neste senso que en abril presentou unha pregunta no Congreso na que responsabilizaban da situación de Galivivienda ao ICO e ao Ministerio.