A Xunta exerce o dereito de tanteo para recuperar 80 fogares dirixidos ao alugueiro accesible e reclama ao Estado coordinación na xestión das vivendas da Sareb

Allegue salienta que esta actuación foi posible grazas as modificacións normativas impulsadas polo Executivo autonómico que outorga ao IGVS preferencia na adquisición de VPP en segundas transmisións, e a súa cualificación permanente

Sinala que a operación supuxo á Xunta un investimento de 5,2 M€, que ademais está pendentes de formalizar as escrituras doutras 7 vivendas máis, por máis de 415.000 €

Apunta que a Xunta adquiriu 22 vivendas da Sareb por máis de 2 M€ e que tentou ampliar esta operación en reiteradas ocasións, bloqueando a súa comercialización baixo a escusa da súa transmisión á Sepes

Indica que das vivendas incorporadas ao parque público, 41 delas xa están entregadas ou en proceso de adxudicación e 39 atópanse en fase de adecuación

Lamenta os “inventos” do Goberno en Casa 47, que adxudica as vivendas ao marxe do Rexistro de demandantes, sen cualificalas como protexidas, xestionada por empresas externas, sen buscar coordinación coa Xunta e por riba sen garantir prezos accesibles

Insta ao Goberno central a aprobar de maneira definitiva o Plan Estatal de Vivenda

O Carballiño (Ourense), 18 de febreiro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe no Carballiño unha das vivendas incorporadas ao parque público residencial galego ao abeiro do exercicio do dereito de tanteo por parte da Xunta.  A meirande parte das vivendas adquiridas foron construídas polo propio Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), coma é o caso da visitada hoxe no Carballiño,  e adxudicada no seu día en réxime de compravenda.

A titular de Vivenda explicou que esta actuación foi posible grazas á modificación normativa que outorga ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) preferencia na adquisición de vivendas de protección pública en segundas transmisións, é dicir, inmobles que xa foran habitados por familias adxudicatarias e que, transcorrido o prazo legal, se puxeron á venda.

En total, a Xunta adquiriu 80 vivendas que pasan a formar parte do parque público con carácter permanente e que serán destinadas ao alugueiro accesible a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. Esta protección indefinida é posible grazas a outra modificación normativa impulsada polo Executivo autonómico, que garante a cualificación permanente das vivendas de promoción pública.

A operación de adquisición destas vivendas supuxo un investimento de 5,2 M€. Ademais, están pendentes de formalizar as escrituras doutras 7 vivendas máis, por un importe superior aos 415.000 euros, cuxa adquisición xa está prevista.

A meirande parte dos inmobles recuperados —58 en total, 11 deles na provincia de Ourense— foron promovidos no seu día polo propio IGVS e adxudicados en réxime de compravenda. Co paso do tempo, os propietarios comunicaron a súa intención de vendelos e o Instituto exerceu o seu dereito de tanteo aos prezos establecidos pola normativa vixente. O investimento foi de 3,2M€.

No que respecta ás vivendas procedentes da Sareb, IGVS adquiriu 22 vivendas por importe superior aos 2 M€, emprazadas na Coruña, Cee, Lugo e Sarria. Neste caso, M. Allegue puxo a foco en que a Xunta tentou ampliar esta operación en reiteradas ocasións, mais a resposta foi que a comercialización estaba bloqueada para a súa transmisión á Sepes.

Na actualidade, do conxunto total destas 80 vivendas, 41 xa foron entregadas ás persoas adxudicatarias ou están en proceso de adxudicación, mentres que as 39 restantes atópanse en proceso de reparación ou pendentes de obras de adecuación. No caso do Carballiño, son dúas vivendas adquiridas, unha en proceso de reforma, e Allegue anunciou que a vindeira semana se iniciará a adxudicación destes fogares entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Galicai. Todas as vivendas adquiridas foron cualificadas como de promoción pública con carácter permanente e serán adxudicadas en réxime de alugueiro a través do Rexistro de Demandantes de Galicia.

María M.  Allegue reiterou que a Xunta continuará adquirindo vivendas de promoción pública que os actuais propietarios ofrezan en venda, sempre que se atopen en zonas con demanda acreditada, co obxectivo de seguir incrementando o parque público e facilitar o acceso a unha vivenda digna a prezos accesibles.

A este respecto, a conselleira lamentou “os inventos” do Goberno central que coa artimaña de Casa 47 está a enganar á cidadanía, e que vai a dispoñer das vivendas da Sareb reclamadas reiteradamente pola Xunta para incorporalas ao parque público.

Ademais, tacha de inexplicable que esta sociedade vaia a adxudicar as vivendas á marxe do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia, e sen cualificalas como protexidas, e para seren xestionadas por empresas externas e sen facilitar información nin buscar coordinación coa Xunta. E como puntilla, non son vivendas asequibles, remarcou M. Allegue.

Con todo, a conselleira pediu ao Goberno central que recapacite e que aprobe dunha vez por todas o Plan Estatal de Vivenda (PEV).