A Xunta activa a oferta pública de adquisición de locais en Ourense para transformalos en vivendas públicas en alugueiro, cun investimento de 2 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta nova medida para aumentar as vivendas públicas, ao converter locais en desuso en inmobles para uso residencial

Allegue subliñou o dobre obxectivo de crear novas vivendas protexidas e  permitir que os propietarios poidan dar unha saída a locais agora sen rendemento

Os locais deberán situarse na trama urbana da cidade, en baixos ou entreplantas de inmobles de uso residencial e atoparse en bo estado e libres de cargas

O IGVS realizará unha taxación dos locais e ademais da súa compra asumirá os gastos dos honorarios de profesionais que interveñan na elaboración da documentación técnica ou na realización dos trámites administrativos necesarios 

A Xunta tamén está a construír en Cambedo de Raia 64 vivendas públicas e avanza no PIA do Escorial-Vinteún para habilitar solo residencial para desenvolver 1.600 vivendas por parte de promotores, cooperativisitas e administracións

Ourense, 8 de xaneiro de 2026

A Xunta activa a Oferta Pública de Adquisición de locais en Ourense para transformalos en vivendas de promoción pública en alugueiro, cun investimento de 2M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, informou desta nova medida que publica o Diario Oficial de Galicia.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260108/AnuncioC3Q2-231225-0002_gl.html

Allegue explicou que esta iniciativa piloto en Ourense é un paso máis para incrementar o número de vivendas públicas na cidade, ao converter os locais en desuso en inmobles para uso residencial.

Subliñou o dobre obxectivo de crear novas vivendas protexidas e ao mesmo tempo permitir que os propietarios lle poidan dar unha saída a estes locais agora sen rendemento.

A solicitude por parte dos interesados poderá realizarse dende mañá ata o vindeiro 1 de maio.

Sinalou que estes locais sen uso deberán estar situados na trama urbana da cidade, en baixos ou na entreplanta de inmobles de uso residencial. Tamén deben estar en bo estado de conservación e libres de cargas.

Detallou que cada local deberá permitir a construción de polo menos unha vivenda que terá que cumprir as condicións exixidas pola normativa en materia de edificación e de habitabilidade. Indicou que as ofertas que se presenten poderán incluír tamén unha praza de garaxe ou rocho por vivenda resultante.

Taxación

Cómpre precisar que o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha taxación dos locais. Segundo detallou o secretario xeral de Vivenda, Heriberto García Porto, o  IGVS seleccionará entre os locais que sexan propostos e fará unha oferta económica pola contía que resulte máis baixa entre a oferta do propietario, o valor de taxación ou o valor resultante de aplicar os prezos recollidos no DOG.

No caso dos locais adquiridos, o IGVS pagará tamén os gastos derivados dos honorarios dos profesionais que interveñan na elaboración da documentación técnica ou na realización dos trámites administrativos necesarios para participar nesta oferta pública, ata un máximo de 1.500 €.

Novas medidas

A conselleira fixo fincapé en que esta medida é unha iniciativa máis da Xunta para seguir facilitando o acceso da cidadanía á vivenda. Lembrou que este ano se sumarán outras medidas para aumentar o parque público de vivenda: incrementando a edificabilidade, permitindo a construción de vivenda pública en solos dotacionais e multiplicando por 3 as axudas a promotores e cooperativistas para a execución de vivenda pública.

Apuntou que todas estas medidas desenvolveranse grazas aos Orzamentos de 2026, unhas contas que permitirán seguir construíndo vivenda protexida, rehabilitando e avanzando no desenvolvemento de solo residencial.

Puxo o acento na cidade Ourense, onde a Xunta está a construir en Cambedo de Raia 64 vivendas de promoción pública. Tamén se está a traballar no PIA do Escorial-Vinteún, co fin de habilitar solo residencial para poder construír arredor de 1.600 novas vivendas por parte de promotores, cooperativisitas e administracións.