Rueda pide ás empresas construtoras a súa colaboración para cumprir o obxectivo de chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030

Destaca que á meta marcada ao inicio da lexislatura de duplicar o parque de vivenda pública con 4.000 novas vivendas en 2028 súmase agora o novo proxecto de construír 2.000 máis nos próximos anos

Recorda que a Xunta tamén impulsa outras medidas na materia como axudas á rehabilitación ou alugueiro, beneficios fiscais ou o desenvolvemento de solo residencial

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, solicitou hoxe aos construtores galegos a súa colaboración e implicación no obxectivo de acadar as 10.000 vivendas públicas en 2030: “É un obxectivo do Goberno galego, e é un obxectivo perfectamente concreto e concretado en número de vivendas e en prazo de execución. E, por iso, coa vosa axuda imos facelo”, apuntou o presidente.

Así o sinalou hoxe durante un acto de presentación ao sector das medidas do Goberno galego nesta materia, no que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. O acto organizouse en colaboración coa Federación Galega da Construción (Fegacons), e contou coa participación de representantes de empresas construtoras da comunidade.

Na súa intervención, recordou que ao inicio da lexislatura a Xunta marcouse o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en 2028, e pasar de 4.000 a 8.000 vivendas. Agora, esa meta se amplía para os próximos anos, en tanto o II Pacto pola vivenda, presentado este luns, prevé a construción de 2.000 vivendas máis ata 2030. Estas, sumadas as 4.000 xa comprometidas, suporá que Galicia contará en 2030 con 10.000 vivendas públicas: “Nunca houbo unha proposta tan pechada, tan importante en investimento e tan medida en canto aos prazos. Porque responde a unha necesidade social, xa que nunca houbo tanta necesidade de vivenda”, salientou Rueda.

Conseguir este obxectivo supón non só unha importante mobilización de investimento, senón que tamén implicará un esforzo sen precedentes en materia administrativa e de xestión, á hora de poñer en marcha as licitacións, mesas de contratación ou supervisións técnicas; ademais dunha gran carga de traballo para as empresas construtoras. De feito, a previsión este ano é licitar case 2.700 vivendas de promoción pública, cun investimento de preto de 500 millóns de euros: “A nosa responsabilidade é facer vivenda onde se necesite e onde sexa posible en prazos razoables. E non queremos obsesionarnos co número, porque tamén é importante a calidade. As vivendas de protección pública non teñen por que significar vivendas de menor calidade. Iso tamén hai que coidalo”, sinalou o presidente.

En calquera caso, Rueda lembrou que a construción é unha parte fundamental da política en materia de vivenda, pero non a única: “O problema de vivenda non se vai rematar simplemente construíndo, pero construír é necesario para arranxalo”, sinalou. Así, citou, por exemplo, as axudas a rehabilitación e ao alugueiro, os beneficios fiscais ou o desenvolvemento de solo residencial. Sobre este último punto, recordou que a previsión do Goberno galego é desenvolver solo ata 2028. para 25.000 vivendas -20.000 delas protexidas-: “Oxalá que isto sirva para seguir transformando a construción en Galicia, seguir nun posto punteiro. E oxalá que isto sexa o principio de moitas máis cousas que teñan que vir”, destacou o presidente.