Os orzamentos da Xunta para 2025 destinan un investimento de 241 M€ ás políticas de vivenda e urbanismo, case un 32% máis que o ano pasado
Heriberto García subliñou que en 2025 se dirixen 101M€ á construción de vivenda de promoción pública e máis de 20M€ ao desenvolvemento de solo residencial.
Sinalou que están en marcha máis de 1.600 vivendas de promoción pública, avanzando no reto de lexislatura, que é chegar ás 8.000 novas, duplicando o parque público
Remarcou a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, froito da escisión de Xestur e que asumirá a promoción de 2.350 novas vivendas públicas nesta lexislatura
Salientou a rehabilitación de vivenda como piar clave ao que se reservan máis de 52M€
Fixo fincapé nas medidas da Xunta para a emancipación da mocidade, coa construción de aloxamentos temporais para menores de 36 anos ou a reserva do 40% en alugueiro e o 25% en venda das novas vivendas que se constrúan
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024
Os Orzamentos da Xunta para 2025 destinan un investimento de 241M€ ás políticas de vivenda e urbanismo, case un 32% máis que o ano anterior. Así o detallou hoxe o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, na Comisión 3º do Parlamento.
O director sinalou que este orzamento permitirá avanzar nos dous obxectivos estratéxicos de lexislatura: duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e facilitar solo para construír 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres.
Para ir acadando fitos, en 2025 triplícanse os investimentos reais en vivenda, pasando de 40,17M€ en 2024 a 121,3M€, dos que se dirixen 101M€ á construción de vivenda de promoción pública. Ademais hai que engadir 7M€ para rehabilitar vivenda e inmobles a través de programas como o Rexurbe e máis de 20M€ para desenvolver solo residencial.
Explicou que estes investimentos lle dan continuidade á Estratexia activada este ano e que permite ter actualmente en marcha máis de 1.600 vivendas de protección pública. Ademais, hai máis de 400 novas vivendas programadas: na Coruña, 104, 10 vivendas en obras, 64 con obra licitada; Ferrol, 374; Santiago, 130, 60 en obras; Lugo, 146 con proxecto licitados; Ourense, 70 con obra licitada; Pontevedra, 182, das que 74 están en obras; ou Vigo, 755.
Engadiu as 143 vivendas adquiridas a particulares cun investimento de case 8M€ e que estarán destinadas tamén para seguir reforzando o parque público residencial; así como as 256 que están en construción por parte de cooperativas en terreos da Xunta; e as 140 en cuxa rehabilitación se está a traballar a través do programa Rexurbe.
Estas cifras, segundo indicou o director, supoñen, que a Xunta xa está actuando en máis de 2.500 vivendas, o que significa un 62% do total do fito de lexislatura.
Sociedade Pública de Vivenda de Galicia
Por outra parte, o director tamén abordou a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, que xa anunciara a conselleira María M. Allegue na súa recente comparecencia parlamentaria.
Trátase dunha sociedade que nace da escisión de Xestur co obxectivo de separar a xestión da vivenda e solo residencial do solo industrial. Este ente será o que asuma a promoción de aproximadamente 2.350 novas vivendas públicas nesta lexislatura.
O director precisou que destas cifras, está licitada a redacción do proxecto de 673 vivendas e nas vindeiras semanas se contratará a redacción dos proxectos para outras 413, o que fai un total de 1.086 vivendas. Estas actuacións requirirán investimentos de máis de 450M€ no período 2025-2028 e que se sumarán as que siga promovendo o IGVS para darlle cumprimento ao compromiso de duplicar o parque público de vivendas.
Rehabilitación
Heriberto García tamén se referiu a outro piar estratéxico do departamento que dirixe: a rehabilitación, á que se reservan máis de 52M€ para o vindeiro exercicio.
Destacou o capítulo para o Programa Rexurbe, dotado de 7M€ que permitirán acometer 65 actuacións e das que xa están en marcha 24 vivendas en Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Ribadavia ou Tui.
Emancipación da mocidade
Heriberto García Porto tamén fixo fincapé no conxunto de medidas activadas pola Xunta para contribuír á emancipación da mocidade, conscientes das súas dificultades no acceso á vivenda.
Salientou a posta en marcha de aloxamentos temporais en alugueiro para menores de 36 anos, que se está a impulsar en colaboración coa Consellería de Cultura.
Concretou que a Xunta reserva para esta franxa de idade o 40% en alugueiro e o 25% en venda das novas vivendas que se constrúan; e garantiu o mantemento do Aval Mozo, co que se blinda ata o 20% da hipoteca concedida.
Medidas lexislativas e fiscais
O Goberno galego tamén está a traballar para axilizar os trámites para a posta no mercado de vivendas, promover a rehabilitación e reducir taxas para edificios. Para isto, incluíronse diversas medidas lexislativas e fiscais na Lei de Acompañamento destes Orzamentos .
En relación ás medidas lexislativas, haberá cambios na Lei de Vivenda de Galicia, establecendo a cualificación indefinida e permanente do réxime de protección das VPP e das VPA que se constrúan nun solo desenvolvido por promotor público a partir da entrada en vigor da norma.
No que se refire ás medidas fiscais, destacan dúas rebaixas: a efectos de bonificación tributaria equipárase ao concepto vivenda, aquel local comercial adquirido para uso residencial; e bonificarase o 75% en actos xurídicos documentados para edificios destinados a alugueiro nas escrituras públicas outorgadas.
Outras medidas consisten na simplificación dos requisitos para a conversión de baixos en vivendas ou a modificación do réxime especial para o remate de vivendas inacabadas, para o que poderá solicitarse licenza de rehabilitación ata 2028, tendo en conta que os novos edificios terán que destinar, como mínimo, a metade das novas vivendas a protexidas.