O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo eleva a máis de 1.600 as vivendas de promoción pública en marcha en sete meses
García Porto subliñou que o compromiso da Xunta para incrementar o parque público de vivenda nesta lexislatura “xa é un feito tanxible e non só unha promesa”
Máis da metade das 1.600 vivendas, un total de 779, están xa en fase de construción ou con proxecto ou obra licitada ou adxudicada, parte delas pendentes unicamente de licencia municipal para iniciar a construción
Doutras 818 está licitada a redacción do proxectos e están programadas 416 novas vivendas, “de maneira en que poucas semanas serán máis de 2.000 as vivendas con contratos licitados a través da plataforma de contratos de Galicia”.
Das 1.600 vivendas, 755 están en marcha en Vigo, 374 en Ferrol, 130 en Santiago, 104 na Coruña, 182 en Pontevedra, 146 en Lugo e 70 en Ourense, ademais das actuacións proxectadas en Mos, Betanzos, Narón, Tui o Viveiro, entre outras localidades
Ademais, a Xunta está en conversas cos concellos das sete grandes cidades e da contorna nos que existe demanda elevada de vivenda para que cedan ao IGVS solo urbanizado para a construción de vivenda de promoción pública
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, destacou hoxe ante a Comisión 2ª do Parlamento que o compromiso da Xunta para incrementar o parque público de vivenda nesta lexislatura “xa é un feito tanxible e non só unha promesa”, ao elevar a máis de 1.600 as vivendas de promoción pública postas en marcha polo Goberno galego nestes últimos sete meses.
García Porto lembrou que o compromiso da Xunta é o de duplicar o parque público residencial ata as 4.000 vivendas nesta lexislatura e as actuacións de construción, rehabilitación ou adquisición serán levadas a cabo tanto polo Instituto Galego de Vivenda e Solo como pola nova Sociedade Pública de Vivenda de Galicia. Para este compromiso, a Xunta vén de triplicar a dotación para vivenda nos orzamentos de 2025.
Na actualidade, segundo subliñou, están en marcha máis de 1.600 vivendas de promoción pública, das que 779 están xa en fase de construción ou con proxecto ou obra licitada ou adxudicada, parte delas pendentes unicamente da licencia municipal para o seu inicio. Doutras 818 está licitada a redacción do proxectos e están programadas 416 novas vivendas, “de maneira en que poucas semanas serán máis de 2.000 as vivendas con contratos licitados a través da plataforma de contratos de Galicia”.
Das citadas 1.600 vivendas, 755 están en marcha en Vigo, 374 en Ferrol, 130 en Santiago, 104 na Coruña, 182 en Pontevedra, 146 en Lugo e 70 en Ourense, ademais das actuacións proxectadas en Mos, Betanzos, Narón, Tui o Viveiro, entre outras localidades.
Por outra banda, o secretario de Vivenda e Urbanismo incidiu en que se habilitarán aloxamentos para alugueiro temporal destinadas a facilitar a emancipación dos mozos, reconverteranse baixos sen uso propiedade da Xunta en vivendas e tramitarase a adquisición de 143 vivendas de particulares, cun investimento de case 8M€, e que estarán destinadas tamén a seguir reforzando o parque público residencial. Ademais, prevese adquirir outras 25 vivendas de Sareb, continuarase coa rehabitación de 137 vivendas a través do programa Rexurbe.
Citou tamén as 256 vivendas que están en construción por parte de cooperativas en terreos propiedade da Xunta de Galicia en réxime de dereito de superficie.
Ademais, a Xunta está en conversas cos concellos das sete grandes cidades e da contorna nos que existe demanda elevada de vivenda para que cedan ao IGVS solo urbanizado para a construción de vivenda de promoción pública co obxectivo de incrementar o número de vivendas.
Xunto á construción de vivenda pública, o Goberno galego tamén ten o compromiso para facilitar o desenvolvemento de solo residencial que permita construír 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.
Neste senso, Heriberto García Porto indicou que están practicamente rematados os estudos de viabilidade de solos que foron seleccionados inicialmente en colaboración cos concellos e neste momento estase determinando, tamén en coordinación cos concellos, as delimitacións concretas e definitivas dos ámbitos a desenvolver para empezar a redacción dos documentos de planeamento a través dos Proxectos de interese autonómico (PIA), “que permitirán axustar adecuadamente os ámbitos delimitados ás posibles afeccións existentes, ordenar a zona e determinar usos e ordenanzas para conseguir un aproveitamento viable e axustado á demanda real de vivenda protexida”.
Medidas incluídas na lei acompañamento dos orzamentos
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo repasou tamén o catálogo de medidas incluídas na lei de acompañamento dos orzamentos para 2025 medidas normativas e fiscais, así como medidas excepcionais e temporais en materia de vivenda aplicables ata finais de 2028 para axilizar a tramitación administrativa e incentivar a construción e rehabilitación de vivenda.
Estas medidas permitirán axilizar a tramitación dos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial e tamén reducirán os prazos para a construción de novas vivendas de promoción pública, substituíndo a licencia de obras pola aprobación do proxecto por parte do IGVS.
Ademais, simplifícanse os requisitos para a conversión de baixos en vivendas e facilitarase o remate dos esqueletos de edificios. Tamén se posibilita a axilización de trámites a través da regulación das ECCOM (Entidades de Certificación de Conformidade Municipal).
Finalmente, citou as axudas da Xunta dirixidas a promotores públicos e privados para a construción de vivendas para alugueiro. Neste senso, lembrou que a Administración autonómica vén de conceder unha axuda de case 3M€ para a construción de 60 vivendas protexidas no Porriño e están en tramitación outras tres solicitudes, que permitirán a construción de 67 vivendas.