A nova Sociedade Pública de Vivenda da Xunta licita proxectos de preto de 2.500 vivendas públicas no seu primeiro ano de funcionamento
García Porto cualifica de “caso de éxito rotundo” o traballo que está a realizar a sociedade, tras licitar estes proxectos de vivenda, das que 1.641 construiranse en solo da Xunta, 837 en parcelas cedidas polos concellos e 16 proceden da transformación de locais en vivendas
Sinala que a día de hoxe, 1.940 destas vivendas xa teñen proxecto adxudicado e parte delas xa teñen licitado ou adxudicado o contrato de obra
Precisa que actualmente están en licitación tres promocións con 174 vivendas e un investimento próximo aos 28 M€, prevéndose licitar ao longo deste ano 1.885 vivendas en 21 concellos cun investimento global superior aos 356 M€
Incide en como a suma de actuacións de Vipugal e do IGVS posibilitará licitar 2.688 vivendas por preto de 500 M€, polo que Xunta poderá ter arredor de 3.500 vivendas públicas rematadas ou en obras a finais de ano entre ambas entidades
Pon o foco nos avances de Vipugal fronte a empresa pública estatal Casa 47, anunciada en 2024, que apenas ofrece 171 vivendas en alugueiro en toda España, das que 67 están en Vigo, con prezos superiores á media e requisitos económicos elevados
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, compareceu hoxe na comisión 2º do Parlamento galego, a petición propia, para dar conta do balance do primeiro ano de funcionamento da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), que cualificou como “un caso de rotundo éxito” tendo en conta que 14 meses despois da súa constitución está traballando en preto de 2.500 vivendas.
Lembrou que Vipugal naceu como un instrumento operativo da Xunta para actuar con maior axilidade e cun claro obxectivo social: incrementar o parque público autonómico de vivenda da e facilitar o acceso á vivenda ás persoas con maiores dificultades. Ademais, a empresa pública tamén é un instrumento clave para a colaboración público-privada.
Segundo subliñou, Vipugal en apenas sete meses da formación do novo Goberno galego da Xunta -constituída en novembro de 2024, xa estaba operativa e respondendo a un dos principais compromisos da lexislatura, de incorporar arredor de 4.000 novas vivendas públicas ata 2028. Vipugal ten tamén un orzamento aprobado para o ano 2026 de case 78M€ e cunha estimación de gasto para o período 2026-2028 de 458 M€.
Puxo o acento que no primeiro ano de actividade, Vipugal licitou a redacción dos proxectos de 2.494 vivendas públicas por máis de 19,5M€. Dese total, 1.641 construiranse en parcelas propiedade da Xunta, 837 en solo cedido polos concellos e 16 corresponden á transformación de locais en vivendas. A día de hoxe, 1.940 vivendas xa teñen proxecto adxudicado e parte delas xa teñen licitado ou adxudicado o contrato de obra.
Segundo indicou, no momento actual, Vipugal ten en licitación as obras de tres promocións, con 174 vivendas e un investimento próximo aos 28 M€, Así, engadiu, ao longo de 2026 a sociedade prevé licitar as obras de construción de 1.885 vivendas en 21 concellos de Galicia, cun investimento global superior aos 356 M€.
O secretario xeral salientou tamén a aposta de Vipugal pola calidade arquitectónica, a innovación e a industrialización da construción, así como a colaboración cos concellos e co sector privado. Un exemplo disto é o concurso de ideas convocado para cinco bloques con 140 vivendas en Ames, ao que se presentaron 122 propostas.
No ámbito social, lembrou que o 40 % das vivendas en alugueiro e o 25 % das de compravenda estarán reservadas a menores de 36 anos, contribuíndo así a facilitar a emancipación da xente nova.
Heriberto G. Porto subliñou que, sumando as actuacións de Vipugal e do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), a Xunta poderá ter xa rematadas ou en obras a finais deste ano arredor de 3.500 vivendas públicas. De cara a 2026, a previsión é licitar entre ambas entidades as obras de construción de 2.688 vivendas por un importe próximo aos 500 M€.
Porto reafirmou o compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura e ampliou o obxectivo ata as 10.000 vivendas públicas en 2030, segundo o recollido no II Pacto de Vivenda de Galicia recentemente asinado. Todo iso, advertiu, malia a ausencia dun Plan Estatal de Vivenda que permita activar o cofinanciamento correspondente.
Goberno central
Na súa intervención, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo contrapuxo os resultados acadados por Vipugal coa actuación do Goberno central e dalgunhas administracións locais.
A este respecto, Heriberto G. Porto lembrou que a empresa pública estatal Casa 47, anunciada en decembro de 2024, tardou un ano en constituírse e, malia nacer cunha carteira de vivendas xa existentes, apenas ofrece na actualidade 171 vivendas en alugueiro en toda España, das cales só 67 están en Vigo, a prezos que superan a media da cidade e con requisitos económicos que exclúen ás familias con menores ingresos, (xa que para acceder a un estudo se necesitan 1.330 euros netos mensuais como mínimo).
Finalmente, defendeu que é a Xunta a única administración que está a apostar decididamente pola construción de vivenda protexida, asumindo as súas competencias e actuando con planificación, investimento e execución efectiva, mentres outras administracións —segundo sinalou— optan por anunciar proxectos que non se concretan e por trasladar responsabilidades.