M. Allegue: “o tempo da vivenda é o tempo da cooperación”

A conselleira puxo en valor que a Xunta está a desenvolver a política de vivenda “cunha actuación integral que abrangue desde a obtención e urbanización do solo ata a construción, a rehabilitación, o alugueiro, a compra e, finalmente, a entrega das chaves”

Incidiu en que o reto da vivenda “require unha cooperación leal e estable entre o Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais” que “debe asentarse no diálogo, nun financiamento suficiente, no respecto ás competencias e na capacidade de adaptar os programas á realidade de cada territorio”

Referiuse ao “fracaso” da declaración das Zonas de Mercado residencial Tensionado co exemplo da Coruña, onde se “están a retirar vivendas do mercado de alugueiro”, cun descenso interanual de máis do 50% no número de contratos

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, subliñou hoxe que “o tempo da vivenda é o tempo da cooperación” na súa intervención na II Xornada Internacional sobre a crise da vivenda, promovida polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES).

Allegue puxo de relevo que, diante deste problema estrutural que constitúe unha das maiores preocupacións da cidadanía, a Xunta está a desenvolver a súa política de vivenda “como unha verdadeira política de país, cunha actuación integral que abrangue desde a obtención e urbanización do solo ata a construción, a rehabilitación, o alugueiro, a compra e, finalmente, a entrega das chaves”. “A vivenda é un reto complexo -engadiu-, pero Galicia conta con planificación, recursos, consenso e capacidade para afrontalo. Con diálogo, con rigor e con feitos”.

En materia de construción, destacou a folla de ruta da Xunta para duplicar no 2028 o parque público residencial ata as 8.000 vivendas, cos 4.000 novos fogares comprometidos nesta lexislatura xa en marcha. Un obxectivo ampliado no II Pacto de Vivenda de Galicia 2026–2030, acordado por unanimidade e coa “fortaleza colectiva” do sector no Observatorio da Vivenda de Galicia e que suma outras 2.000 vivendas máis para o 2030, co obxectivo de contar con 10.000 nesa data.

Para o conxunto das medidas previstas no Pacto estímanse 2.000M€ de investimento autonómico directo, capaces de inducir arredor de 5.000M€ de investimento adicional e de contribuír á creación ou ao mantemento de preto de 60.000 empregos.

Ademais, para incrementar a oferta de solo, impúlsase a Estratexia Galega de Solo Residencial, cun investimento superior aos 350M€, coa que se prevé desenvolver solo para arredor de 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas.

A conselleira destacou así mesmo a aposta pola rehabilitación para “recuperar patrimonio, mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade, incorporar vivendas baleiras ao alugueiro e favorecer a cohesión territorial”, a través de programas como Fogar Vivo, as axudas á rehabilitación no rural ou o apoio aos concellos para recuperar vivendas de titularidade municipal.

Colaboración público-privada

Ademais da promoción pública directa, a conselleira incidiu en que o reto da vivenda “esixe sumar a capacidade das administracións, dos concellos e do sector privado”. “A colaboración público-privada significa orientarmos capacidades distintas cara a un obxectivo común, con regras claras, prezos taxados e garantías”, apuntou. Deste xeito, a Administración autonómica está a apoiar aos promotores de vivenda protexida, a impulsar as técnicas de construción industrializada ou habilitar instrumentos de cooperación financeira cos concellos.

Isto acompañado de adaptacións normativas para axilizar a posta a disposición de vivenda e dar seguridade xurídica, como as modificacións para facilitar a recuperación de edificios inacabados; a conversión de locais compatibles en vivendas ou o aproveitamento de solos dotacionais sen uso para vivenda pública e aloxamentos.

Lembrou así mesmo que a Xunta garante a cualificación indefinida das vivendas públicas e das vivendas protexidas construídas sobre solo público.

Puxo tamén de relevo as medidas para que máis familias poidan acceder á vivenda, como as axudas adquisición de vivenda protexida e de vivenda en centros históricos; o reforzo dos avais para a compra da primeira vivenda, estendendo a idade das persoas beneficiarias ata os 45 anos; o incremento dos limiares de renda para facilitar o acceso á vivenda pública; e as reservas específicas para a mocidade e para familias con fillos.

Cooperación coas administracións

Na súa intervención, a conselleira insistiu en que a política de vivenda “require unha cooperación leal e estable entre o Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais” e neste senso afirmou que a Xunta “participará nos instrumentos estatais porque todos os recursos son necesarios e porque a cidadanía espera das administracións responsabilidade e entendemento”, pero incidiu en que esta cooperación “debe asentarse no diálogo, nun financiamento suficiente, no respecto ás competencias e na capacidade de adaptar os programas á realidade de cada territorio”.

Lembrou que os diferentes mercados residenciais requiren “políticas públicas firmes nos obxectivos e flexibles nos instrumentos, que deben protexer a quen precisa apoio, aumentar a oferta dispoñible e ofrecer seguridade tanto ás persoas arrendatarias como ás propietarias”. Neste senso, apuntou que “as medidas que reducen a confianza ou retraen vivendas do mercado poden terminar prexudicando precisamente a quen pretenden protexer”.

Apuntou a este respecto o “fracaso” da declaración das Zona de Mercado residencial Tensionado, diante dos últimos datos na Coruña que amosan que se “están a retirar vivendas do mercado de alugueiro”. Deste xeito, produciuse un descenso interanual do 50% no número de contratos.

Allegue concluíu sinalando a necesidade de “máis oferta, máis vivenda pública e protexida, máis rehabilitación e máis seguridade”. “Precisamos -engadiu- tamén estabilidade normativa, capacidade industrial, profesionais cualificados e concellos con instrumentos para actuar. E precisamos avaliar as medidas, corrixir o que non funcione e reforzar aquilo que demostre resultados”.