M. Allegue destaca o orzamento récord de 500 M€ para vivenda e infraestruturas e avanza a cualificación permanente da vivenda protexida

O orzamento increméntase un 8 % e pasa dos 476 M€ aos 513,8 M€ para enfrontar “os grandes retos” en vivenda e infraestruturas: “Estes orzamentos son a proba do pacto que adquirimos cos galegos, avalan o compromiso da Xunta e non escatimaremos nin en esforzo nin traballo”.

A Xunta modificará o artigo 60 da Lei Galega de Vivenda para establecer a duración indefinida e permanente do réxime de protección das vivendas protexidas de promoción pública e das vivendas protexidas de protección autonómica construídas nun solo desenvolvido por promotor público.

No caso de Vigo, o orzamento en vivenda ascende a preto de 60 M€, cunha subida do 243 % respecto ao exercicio anterior, dos que máis de 42 M€ destinaranse á construción de vivenda de promoción pública e 15,5 M€ ás obras de urbanización de solo residencial de San Paio de Navia e o inicio de desenvolvemento dos ámbitos

Vigo, 18 de outubro de 2024

Vigo, a cidade onde a Xunta está a construír máis vivenda pública na comunidade, foi hoxe o escenario no que a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou, xunto á delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o equipo directivo da Consellería, as liñas xerais dos orzamentos do departamento que dirixe para o vindeiro 2025. En San Paio de Navia, onde están previstas 1.600 vivendas protexidas, M. Allegue subliñou que estas áreas contarán para o 2025 co maior orzamento da súa historia, que superará por primeira vez os 500 M€ (increméntase un 8 %) e adiantou tamén a cualificación indefinida e permanente das Vivendas de Promoción Pública (VPP) e Vivendas de Promoción Autonómica (VPA) construídas nun solo desenvolvido por promotor público. “Estes orzamentos -destacou- son a proba do pacto que adquirimos cos galegos, avalan o compromiso da Xunta e non escatimaremos nin en esforzo nin traballo”.

“A evolución de Navia sintetiza moi ben o modelo de crecemento que queremos para toda Galicia, con construción de calidade, espazos verdes e servizos -subliñou a conselleira-. Estamos a proxectar, crear e urbanizar e construír a Galicia do futuro. Para iso é necesario investimento e por iso a Xunta vén de triplicar o orzamento en materia de Vivenda”. Neste senso, indicou que dos 513,8 M€ de orzamento da Consellería, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) contará cun investimento de 221 M€, tamén o maior da súa historia e que supón un incremento de 55 M€.

En concreto, o orzamento do 2025 prevé 100M€ para construír novas vivendas públicas en Galicia; outros 20 M€ para a xestión de novos solos residenciais e preto de 7 M€ para o programa Rexurbe de rehabilitación de inmobles adquiridos en cascos históricos, que permiten engadir novas vivendas ao parque residencial para destinalas ao alugueiro accesible.

No marco do compromiso da Xunta para duplicar nesta lexislatura a vivenda pública ata acadar as 8.000, a conselleira lembrou que en seis meses xa están en marcha ao redor de 1.500 vivendas públicas en diferentes fases de execución, das que precisamente 656 están en marcha en Navia, “nesta emblemática zona que está a crecer e crear oportunidades” e onde están previstas 1.600 vivendas cun investimento xa executado de 190 M€. Delas, 316 están con obra licitada ou adxudicada por preto de 51 M€; 51 licitaranse proximamente e 289 teñen proxecto licitado, incluíndo as 68 do Polígono 2 cuxa redacción de proxecto saíu hoxe mesmo a concurso por máis de 630.000 €.

No caso de Vigo, o orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo ascende a preto de 60 M€, cunha subida do 243 % respecto ao exercicio anterior, dos que máis de 42 M€ destinaranse á construción de vivenda de promoción pública e 15,5 M€ ás obras de urbanización de solo residencial de San Paio de Navia e o inicio de desenvolvemento de nos ámbitos.

Á provincia de Pontevedra a Consellería destinará 180 M€ (cun incremento de 48 M€), unha cifra récord que suporá un investimento de máis de 190€/habitante (50 euros máis que no ano anterior). Ademais, o orzamento do IGVS pasa dos 53 aos 94,5 M€.

A partida con maior volume de investimento na provincia é a correspondente á construción de nova vivenda para alugueiro social, cun importe de máis de 54 M€. A esta cifra hai que engadir os 16,3M€ destinados á xestión de solos residenciais, que na provincia prevén facilitar a construción de 11.900 novas vivendas, 9.500 protexidas, a maioría delas (7.360) en Vigo.

Cualificación vivendas e medidas

M. Allegue avanzou que o esforzo en investimento irá acompañado de medidas legais, entre elas a modificación do artigo 60 da Lei Galega de Vivenda, relativa á duración do réxime de protección das vivendas protexidas, de xeito que se establecerá unha duración indefinida e permanente do réxime de protección das vivendas protexidas de promoción pública e das vivendas protexidas de protección autonómica construídas nun solo desenvolvido por promotor público, como é o caso de Navia.

A Xunta prestará especial atención ás demandas dos mozos e a súa necesidade de emancipación, de xeito que o 40 % das novas vivendas que se constrúan para aluguer se destinarán aos mozos de ata 36 anos e o 25 % para a venda tamén se destinará a xente moza.

Isto a maiores das diferentes liñas de axudas, como as de adquisición de vivenda para menores de 36 anos, tanto en centros históricos, coma en Concellos de menos de 10.000 habitantes ou  VPA, así como o Aval mozo.

Coa finalidade de incrementar o parque público de vivenda, a Xunta tamén aprobará unha serie de medidas extraordinarias e temporais dirixidas a aumentar a oferta de solo e de edificacións con destino a vivenda, axilizar trámites e dar resposta ás demandas dos sectores afectados, que serán aplicables ata o 29 de decembro de 2028.

Entre elas figuran a redución á metade os prazos para a tramitación e desenvolvemento dos PIA (Proxectos de Interese Autonómico) que permitan habilitar solo para a construción de vivenda protexida e tamén se facilitará a conversión de baixos comerciais en vivendas sen necesidade de modificación de planeamento por parte dos Concellos.

Ademais, co obxectivo de rematar cos “esqueletos” de edificios, as edificacións situadas en solo urbano ou en solo urbanizable con estrutura parcialmente executada, con licenza urbanística e obras executadas axustadas a licenza, poderanse rematar coa solicitude de licencia municipal para a súa completa terminación, sempre e cando como mínimo o 50 % das vivendas se destinen a vivenda protexida.

Outras novidades contempladas na Lei de medidas, dirixidas a reducir a burocracia e posibilitar a axilización de trámites son a regulación das ECCOM (Entidades de Certificación de Conformidade Municipal) ou a posibilidade de modificacións do planeamento urbanístico que poderán ser consideradas de carácter non substancial, cunha tramitación máis reducida.

Infraestruturas

No outro gran eixo da consellería, a Axencia Xeral de Infraestruturas contará cun orzamento de máis de 265 M€, un orzamento que como destacou a conselleira asume os compromisos con Vigo e a súa área de influencia como o desenvolvemento dos ámbitos autonómicos da ETEA e a urbanización que corresponde á Xunta, a colaboración co Concello de Vigo para a prolongación do túnel da Porta do Sol ou a continuación da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda.

O orzamento do 2025 contempla tamén obras necesarias para esa mobilidade sostible, peonil e ciclista como as sendas, entre elas a proxectada na estrada Vigo-Nigrán pola PO-325, mellora para a que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia o trámite de información pública; ou a inversión para rematar a obra da avenida de Beiramar, na que a Xunta colabora coa Autoridade Portuaria.

Máis fondos

Para continuar cos “grandes retos” da Consellería, M. Allegue emprazou ao Goberno central a “escoitar ás comunidades autónomas”, tanto na maior dotación de fondos, que lembrou que “son de Europa” como á hora de elaborar o novo Plan Estatal de Vivenda. “Deixen de pedir máis implicación ás comunidades e póñanse á altura do gran problema que temos en todo o país que é o acceso á vivenda -remarcou-. Unha vivenda que debe ser digna e accesible. Antepoñan os intereses dos cidadáns aos intereses partidistas”.