Casco vello de Ponteareas
O concello de Ponteareas conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo concello o 12 de agosto de 2019, e só resta a aprobación definitiva da Xunta de Galicia para que este entre en vigor. Namentres, a normativa urbanística vixente en Ponteareas é o Decreto 207/2002 do 20 de xuño de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, modificado nos decretos 180/2004 do 29 de xullo, 319/2004 do 29 de decembro e 267/2007 do 28 de decembro publicados no Diario Oficial de Galicia.
A delimitación do ámbito comprende a orixinalmente establecida na ordenanza tipo Casco Vello e que aparece establecida nos planos de ordenación do Casco Vello 1/1000 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (en diante, PXOM) inicialmente aprobado polo Concello de Ponteareas, así como todos os edificios recollidos no Catálogo dos Bens do Patrimonio Cultural do Medio Rural e Urbano de Ponteareas, e que se atopan en contacto co límite marcado para o Casco Vello polo PXOM. O ámbito queda organizado en torno ás dúas prazas principais da vila, a Praza Maior e a Praza de Bugallal e ocupa unha superficie de 92.875 m2.
Esta área foi declarada o 2 de xuño de 2021 e comprende un número total de 518 vivendas que se agrupan nun total de 228 edificacións, delas 207 de uso residencial (74 edificios de uso residencial colectivo e 133 vivendas unifamiliares). Ademais, no ámbito existen 5 edificios de equipamentos e 16 doutros usos.
© Copyright: Instituto Geográfico Nacional de España - Xunta de Galicia.