Casco Antigo e zona ampliada de Cangas
O ámbito da área de rehabilitación coincide co delimitado polas Normas Subsidiarias de Planeamento aprobadas no ano 1994 e co ámbito de ordenación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) aprobado polo pleno do concello o 31 de maio de 2000. O casco antigo posúe un casarío denso no que a edificación se agrupa entre medianeiras ao longo das rúas, sen espazos entre elas. Responde a un patrón de uso global residencial e dentro deste é a tipoloxía de vivenda unifamiliar a que predomina. As vivendas colectivas só aparecen recentemente como cuñas de aproximación na ruptura do parcelario histórico. As tipoloxías edificatorias son de tres tipos: casa con fachada plana, casa con solaina sobre canzorros ou non e casa de autor deseñada por profesional. Segundo o tipo de vivenda a actividade residencial é compartida con outros usos como almacenaxe dos útiles de pesca ou estancia de animais, ben en compartimentos segregados ou no baixo cuberta. Nas tipoloxías máis evolucionadas estes usos emprazábanse na planta baixa. Esta área foi declarada o 11 de abril de 2001 e nela sitúanse 400 vivendas obxecto de rehabilitación.
© Copyright: Instituto Geográfico Nacional de España - Xunta de Galicia.