A Xunta terá resoltas nas vindeiras semanas a totalidade das axudas ao alugueiro, ás que destina 20 M€

A convocatoria recibiu un total de 17.850 solicitudes, e o secretario de Vivenda sinalou que o proceso de tramitación xa supera o 60% das solicitudes, por 6,1M€

A Xunta estima que se concederán nesta convocatoria un total de 4.300 axudas, que previsiblemente estarán pagadas a finais de ano, sempre que sexan debidamente xustificadas polos beneficiarios

Como en edicións anteriores, a axuda concédese para dous anos polo que ao longo do 2025 continuarán realizándose os pagos mensuais conforme se reciban as xustificacións

No que respecta á renovación de axudas concedidas no pasado ano, presentáronse 1.165 solicitudes, cun orzamento dispoñible de 2,7M€ e no momento actual están concedidas o 92% (1.067), por importe de 2,2M€

García Porto engadiu que neste ano a Xunta ten convocadas 17 liñas de axudas, ademais do Bono de Alugueiro social, para as que se presentaron máis de 25.000 solicitudes, e todas “están a ser resoltas en prazo”

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, interveu esta tarde no Parlamento de Galicia para dar conta do programa de axudas ao alugueiro de vivendas, convocado con carácter bianual por parte da Xunta de Galicia. García Porto destacou que nas vindeiras semanas a Administración autonómica terá resoltas estas achegas, nas dúas liñas abertas, de nova concesión e renovación, ás que se destinan un total de 20M€, dos que 10M€ corresponden a este 2024 e outros 10M€ ao vindeiro ano. Estímase que unha vez resolta a tramitación, o total de axudas concedidas será de 4.300, nas que a Xunta asume o 50% deste orzamento e o restante 50% procede de financiamento ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda.

Na súa comparecencia, García Porto sinalou que á convocatoria presentáronse un total de 17.850 solicitudes. No 11 de xuño a Xunta realizou xa a primeira concesión de axudas, un total de 904, por importe de 2,1M€, á que seguiron novas concesións nos meses de xuño, agosto e setembro. No momento actual, están concedidas 2.669 axudas por importe de 6,1M€, o que supón o 61% do orzamento deste 2024 (10M€).

Prevese que antes de finais de outubro estean concedidas todas as axudas e esgotado o crédito, “procedéndose ao pago conforme os beneficiarios xustifiquen o pago do alugueiro, tal e como establece a convocatoria”, explicou Heriberto García, quen lembrou que as bases inclúen un reforzo da axuda para mozos menores de 35 anos.

“Antes de finalizar o ano -apuntou García Porto- prevemos que estean pagadas todas as axudas correspondentes a 2024 que estean xustificadas polos beneficiarios. E ao longo de 2025 continuarán realizándose os pagos mensuais conforme se reciban as xustificacións”. As axudas teñen carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024 ou desde o día da sinatura do contrato de alugueiro, se é posterior a esa data.

No que respecta á renovación de axudas concedidas no pasado ano, presentáronse 1.165 solicitudes, cun orzamento dispoñible de 2,7M€ e no momento actual están concedidas o 92% (1.067), por importe de 2,2M€.

García Porto engadiu que neste ano a Xunta ten convocadas 17 liñas de axudas, ademais do Bono de Alugueiro social, que está permanentemente aberto. En total, presentáronse máis de 25.000 solicitudes, e todas estas axudas “están a ser resoltas en prazo”.

Incidiu en que estas axudas autonómicas ao alugueiro “veñen cubrir a carencia que deixa o bono xoven, que o Estado leva meses prometendo pero que non foi quen de articular financiamento para o ano 2024, xerando confusión entre a poboación nova que ve os reiterados anuncios da axuda e entre as propias comunidades autónomas, que temos dificultades para planificar os nosos programas de axudas”.

Lei Estatal de Vivenda

Por outra banda, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo tamén interveu para responder a unha pregunta sobre a Lei Estatal de Vivenda. Heriberto García advertiu de que “resulta inobxectable que a lei non serviu para o que pretendía: aumentar a oferta de vivendas a prezo accesible”. Nese sentido, sinalou que no que respecta a Galicia, dende a entrada en vigor da lei “nin se incrementou a oferta de vivendas nin se reduciron ou conxelaron os prezos das mesmas”.

Reiterou que ningún concello galego solicitou de momento a declaración de zona tensionada, e reiterou que a lei foi aprobada “sen contar coas comunidades autónomas que xestionan as competencias de vivenda, que xa advertiran que pasaría o que está a suceder”. “A lei -afirmou García Porto- non da os resultados que o Goberno buscaba e, ao mesmo tempo, entorpece o desenvolvemento doutras iniciativas ao provocar inseguridade xurídica en propietarios e promotores de vivenda para alugueiro ou para venda”.