A Xunta ten en marcha en Vigo investimentos por 111 M€ para a construción de vivenda protexida en Navia
“Vigo é a cidade onde estamos a desenvolver máis vivenda pública”, destacou María M. Allegue, quen sinalou que a ampliación de Navia, onde se construirán 1.600 vivendas protexidas, é o exemplo “do traballo que estamos a facer na Xunta en materia de vivenda”
No Polígono 1 de Navia están previstas 733 vivendas protexidas, das que xa están en tramitación as 359 que son de promoción pública e a finais deste 2024 sairán a concurso as outras 179 vivendas, de promoción privada
A urbanización do Polígono 2, onde se habilitarán un total de 719 vivendas, está en trámite de contratación, cun investimento de 16,4M€, e ao concurso presentáronse 19 ofertas
Entre setembro e outubro licitaranse os proxectos de 297 vivendas de promoción pública do Polígono 2, onde tamén se solicitou a reparcelación ao Concello de Vigo para posibilitar a construción do futuro IES de Navia
No Polígono 3 están previstas outras 147 vivendas protexidas
“Collemos un ritmo constante de crecemento, con fitos xa conseguidos e que nos permitirán ese gran obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en Galicia”, subliñou a conselleira
A conselleira vén de notificar ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a aceptación dun millón de euros adicionais de fondos europeos no marco do programa de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, “un incremento que merecía Galicia por ter cumpridos os obxectivos de reparto ao 100%”
Vigo, 11 de setembro de 2024
“Vigo é a gran aposta da Xunta en vivenda protexida”. Así o destacou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na visita realizada á ampliación do polígono de San Paio de Navia en Vigo, onde a Xunta ten en marcha investimentos por 111M€ para a construción de vivenda protexida.
Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, subliñou que Navia “exemplariza o traballo que estamos a facer dende a Xunta en materia de vivenda”, xa que “é a cidade onde se está a desenvolver máis vivenda pública”.
Así, na ampliación de San Paio de Navia están previstas 1.600 vivendas protexidas, distribuídas en tres polígonos: 733 no Polígono 1, das que 359 son vivendas de promoción pública; 719 no Polígono 2, das que entre setembro e outubro se licitarán xa os proxectos de 297 vivendas de promoción pública, e finalmente están previstas 147 vivendas protexidas no Polígono 3. Ademais, a Administración autonómica tamén investiu 24M€ na adquisición de solo.
A conselleira lembrou que no último Consello da Xunta se aprobou a licitación da redacción do proxecto para a construción de 43 vivendas de promoción pública no Polígono 1, “o que supón completar ao 100% as 359 previstas neste ámbito”. Neste polígono estanse a executar xa as obras de urbanización, que está previsto rematar no primeiro trimestre do 2025, e se desenvolverán de xeito paralelo aos traballos construtivos dos edificios residenciais. “Iniciaremos a construción no momento en que o Concello de Vigo aprobe a reparcelación deste polígono e conceda as licencias que temos solicitadas -engadiu-. Vai segundo o previsto e a coordinación que hai entre a Xunta e o Concello neste senso é destacable, posto que se todo vai segundo o previsto a finais deste mes de setembro teremos xa esa reparcelación”.
M. Allegue sinalou que o parque residencial vigués reforzarase coa habilitación neste mesmo Polígono 1 para a construción de 374 vivendas protexidas de promoción privada, das que 179 sairán a concurso a finais deste 2024”.
No que atinxe ao Polígono 2, están en fase de contratación as obras de urbanización, por preto de 16,4M€, para facilitar a construción de 719 vivendas protexidas. Ao concurso presentáronse 19 ofertas.
Ao mesmo tempo, a Xunta ten solicitado ao Concello de Vigo a reparcelación deste polígono 2, trámite necesario para a construción do futuro IES de Navia.
“Seguimos a traballar a ritmo de cruceiro, un ritmo constante de crecemento -afirmou M. Allegue-, con fitos xa conseguidos e que nos permitirán ese gran obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en Galicia. Os cidadáns teñen posta a mirada na política de vivenda da Xunta, e promotores e construtores tamén. E teñan por seguro que a Xunta cumpre”.
Incremento dun millón de euros adicionais para Galicia
A conselleira lembrou a este respecto que así o amosa o dato de que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana acaba de incrementar en 1.025.447€ a asignación a Galicia de fondos europeos no marco do programa de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A conselleira vén de remitir ao Ministerio a aceptación destes fondos.
“Trátase dunha contía que estaba destinada a outras comunidades autónomas, pero que non foron quen de xestionalas. Así, o Ministerio outorgou a Galicia, tal e como demandáramos na reunión do pasado 8 de maio, os remanentes non transferidos a outras comunidades, posto que o noso grao de execución das axudas foi do 100%”.