A Xunta suma novas solicitudes de axudas para a reconstrución das vivendas afectadas polos incendios

Allegue detallou que ata hoxe se rexistraron 10 peticións de axudas: 6 en Vilamartín de Valdeorras, 2 en Petín, 1 en Cualedro e 1 en Quiroga; e máis de medio centenar de persoas solicitaron información das mesmas

A conselleira, que se achegou en Vilamartín de Valdeorras a unha das 16 oficinas habilitadas pola Xunta para asesorar aos afectados, lembrou que as achegas da Xunta poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais

Animou a solicitar estas axudas e trasladou o compromiso da Xunta para resolvelas coa maior celeridade, o que permitirá iniciar canto antes as reconstrucións dos fogares

Recordou que o Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos derivados desta situación

Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 4 de setembro de 2025

A Xunta suma novas solicitudes de axudas para a reconstrución das vivendas afectadas polos incendios. Así o detallou esta mañá a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou Rubiá; San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras; Petín; e O Bolo; para coñecer a situación dos veciños cuxos fogares se viron danados polos lumes.

Nestes núcleos a conselleira escoitou á veciñanza afectada e comprobou in situ os danos nas súas casas. Ademais, explicoulles aos veciños as liñas das axudas activadas pola Xunta para que poidan reconstruír os seus fogares.

Allegue tamén se achegou en Vilamartín de Valdeorras a unha das 16 oficinas habilitadas pola Xunta para asesorar aos afectados e axudalos a tramitar as solicitudes de axudas. Ata hoxe, rexistráronse 10 peticións: 6 en Vilamartín de Valdeorras, 2 en Petín, 1 en Cualedro e  1 en Quiroga. Ademais, máis de medio centenar de persoas solicitaron información sobre estas axudas autonómicas.

Lembrou que as achegas da Xunta poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais, xa que ao 132.000 euros para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200 euros polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as achegas son de ata 66.000€ e 5.400€ para o enxoval.

Animou ás persoas afectadas a solicitar estas axudas e trasladou o compromiso da Xunta para avalialas e resolvelas coa maior celeridade, para que todos poidan comenzar canto antes a reconstrución dos seus fogares.

Recordou que o Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos de aloxamento provisional, transporte ou mudanza. Ademais, os afectados poderán percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas.

En canto  á documentación a presentar, os afectados deben acreditar a titularidade da vivenda, o seu destino como vivenda habitual ou ocasional e a disposición dalgún seguro. Tamén se debe acompañar unha memoria técnica que valore os danos acusado e o custe da rehabilitación. Este documento poderá ser elaborado pola Xunta, se así o solicita o damnificado.