A Xunta sorteará mañá 40 vivendas públicas en Xuxán, na Coruña
O acto será ás 11 horas no salón de actos do edificio administrativo de Monelos e os novos fogares adxudicaranse provisionalmente en réxime de alugueiro
O 40% destas vivendas adxudicaranse a mozos menores de 36 anos
As rendas de alugueiro oscilarán entre os 97,37€ e 312,68€
Na actuación aplícanse técnicas industrializadas, en concreto nas fachadas e na estrutura, o que favorece a axilidade na execución e a sostibilidade
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
A Xunta sorteará mañá, venres 16 de xaneiro, un total de 40 vivendas de promoción pública que constrúe no barrio de Xuxán, na Coruña.
Neste acto, que se celebrará ante notario ás 11 horas no salón de actos do edificio administrativo de Monelos, adxudicaranse provisionalmente estes fogares en réxime de alugueiro. As rendas de alugueiro oscilarán entre os 97,37€ e 312,68€ mensuais.
A Xunta inviste 7,7 M€ na construción destas 40 vivendas, das que un 40% estarán reservadas a menores de 36 anos. Trátase dun edificio de cinco plantas con vivendas, de 2 a 4 dormitorios, garaxes e rochos.
Nesta actuación aplícanse técnicas industrializadas, en concreto nas fachadas e na estrutura. Este mecanismo polo que está a apostar a Xunta favorece a axilidade na execución, a sostibilidade e a seguridade na obra.
O sorteo iniciarase coa quenda para vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida. Na quenda xeral, establécense lotes segundo o número de dormitorios das vivendas, realizándose un sorteo diferenciado para cada un deles.
Tras o sorteo, publicarase a lista provisional de adxudicatarios e se abrirá un prazo de 10 días para reclamacións. Posteriormente, publicarase a lista definitiva e darase un prazo de 10 días para a aceptación ou renuncia.
Os requisitos dos beneficiarios serán, entre outros, atoparse inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para o concello da Coruña como municipio preferente; e residir ou traballar neste concello. Ademais deberán carecer de vivenda en propiedade e acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 3 veces o IPREM.