A Xunta sortea mañá as 20 vivendas públicas que constrúe en San Eleuterio, no Concello de Mos
O acto terá lugar no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo e as vivendas sortearanse en 4 lotes
Os novos fogares públicos adxudicaranse en alugueiro por un período de 7 anos prorrogables
O 50% das vivendas adxudicaranse a mozos menores de 36 anos
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026
A Xunta sorteará mañá, venres 9, as 20 vivendas de promoción pública que constrúe en San Eleuterio, no Concello de Mos. Neste acto, que se celebrará ás 10,30 horas ante notario no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8), adxudicaranse provisionalmente estes fogares en alugueiro, por un período de 7 anos prorrogables.
As 20 vivendas, das que o 50% adxudicaranse a mozos menores de 36 anos, sortearanse distribuídas en 4 lotes. No primeiro sortearase a vivenda adaptada de 3 dormitorios, mentres que no segundo lote irán ás 2 vivendas de 4 dormitorios e, no terceiro, as 13 vivendas de 3 dormitorios. No último lote sortearanse as 4 vivendas de 2 dormitorios. Cada vivenda leva asociada 1 praza de garaxe e 1 rocho.
Ademais, nomearanse un total de 88 reservas: 8 para o Lote 1, 16 no Lote 2, 52 no Lote 3 e 12 no Lote 4.
Tras o sorteo, publicarase a lista provisional de adxudicatarios e se abrirá un prazo de 10 días para reclamacións. Posteriormente, publicarase a lista definitiva e darase un prazo de 10 días para a aceptación ou renuncia.
Os requisitos dos demandantes de vivenda pública para acceder a estes fogares son ter ingresos ponderados por unidade familiar/convivencial de entre 0,7 e 3 veces o IPREM e residir ou traballar en Mos.