A Xunta resolve en 21 días a concesión de 424 axudas do Bono Alugueiro Mocidade por un importe de máis de 2,4 M€

O traballo intenso dos técnicos do IGVS está a permitir a axilización na tramitación destas axudas en tempo récord, toda vez que o prazo de presentación se abriu o pasado día 28 de febreiro, e aínda permanecerá aberto ata o próximo venres día 28

Esta subvención dirixida aos mozos e mozas menores de 36 anos para facilitar o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros concédeselle por un período de dous anos

Cómpre lembrar que nesta última convocatoria do bono, o Ministerio de Vivenda asignou a Galicia preto de 11,4 M€, cifra claramente insuficiente, tendo en conta que no primeiro día de apertura de prazo se recibiron un total de 3.186 solicitudes e que a cifra ascendía este venres a 6.472

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), ten xa a día de hoxe asinadas 424 resolucións de concesión de axudas do Bono Alugueiro Mocidade, por un importe total de 2.407.388,86 euros.

O traballo intenso dos técnicos do IGVS na análise de cada solicitude para comprobar o cumprimento dos requisitos está a permitir a axilización na tramitación destas axudas en tempo récord, toda vez que o prazo de presentación abriuse o pasado día 28 de febreiro, e permanecerá aberto ata o próximo venres día 28.

Esta subvención dirixida aos mozos e mozas menores de 36 anos para facilitar o pagamento da renda da súa vivenda habitual, cunha axuda de 250 euros ao mes, concédeselle por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro, sempre que o contrato estivese vixente nesa data a menores. Ademais, para contratos asinados con posterioridade, concederase desde a data do contrato, sen que poidan concederse con posterioridade ao 31 de decembro do 2026.

Cómpre lembrar que nesta última convocatoria do bono, o Ministerio de Vivenda asignou a Galicia preto de 11,4 M€ para este 2025 e o 2026, unha cifra que desde a Xunta xa se advertiu que resulta insuficiente, tendo en conta ademais que só no primeiro día de apertura de prazo destas axudas, na sede electrónica do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), rexistráronse un total de 3.186 solicitudes. A cifra ascendía este pasado venres a 6.472.

Así, na Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana convocada polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana o 3 de outubro do ano pasado acordouse, por unanimidade, unha nova distribución entre as comunidades autónomas dos fondos do Bono Alugueiro Mocidade, e o Ministerio negouse a atender a solicitude de modificar o real decreto que establece as bases para evitar os problemas da convocatoria de 2022, na cal quedaron sen axuda persoas que cumprían os requisitos.

Este fondos foron liberados en decembro de 2024, o que posibilitou á Xunta o lanzamento desta nova convocatoria de axudas, que saíu publicada cunha dotación de case 13 M€. Dese total, 11.400.000 euros corresponden á nova achega do Ministerio e resulta ser exactamente a metade do asignado en 2022.

A Xunta complementará eses fondos, ata acadar os preto de 13 M€, coa achega de 1.554.936 euros do remanente da convocatoria de 2022. Estes fondos corresponden a renuncias de adxudicatarios que finalmente non presentaron as xustificacións correspondentes para o seu cobramento, polo que agora se incorporaron a esta nova convocatoria

O Goberno galego lamenta a tardanza na transferencia estatal do crédito desta convocatoria, que ademais é insuficiente, tendo en conta que se corresponde coa metade do asignado en 2022, é dicir, tan só 5,7 M€ cada exercicio.

Axudas adquisición

Pola súa banda, a Xunta lembra que aínda continúa aberto o prazo para solicitar as axudas da Xunta para a compra de vivendas, nas tres liñas: a dirixida a mozos menores de 36 anos residentes en concellos de menos de 10.000 habitantes, para compra de vivenda en centros históricos e as destinadas a mercar vivenda protexida, cuxa contía pode alcanzar os 20.000 € que ademais son compatibles co Aval mozo, que cubre o 20 % da hipoteca.